15 Dic Programa MAYORSIG: Onde e por que se vive máis en Galicia
Programa MAYORSIG
Onde e por que se vive máis en Galicia
Saúde e envellecemento non son termos contrapostos. Os progresos na medicina alongan a vida e isto supón consecuencias poboacionais. A crecente poboación de persoas maiores é un reto demográfico que os gobernos deben abordar, dende o nacional até os Concellos de pequenas localidades. Hoxe máis que nunca fai falla reforzar o dereito á saúde das persoa maiores. Para esta fin, é preciso comprender mellor esta etapa vital, indagar nos factores que aseguran a súa calidade de vida e benestar. A Fundación Matrix resposta a este desafío sendo consciente das diferenzas de lonxevidade poboacional entre territorios. O Programa de investigación MAYORSIG procura respostas no interior de Galicia á pregunta de ‘onde e por que se vive máis’. É posible envellecer con saúde e non só vivir máis. Despregase neste territorio un intenso traballo de campo e conta xa con máis de mil persoas maiores enquisadas, ás que se sumarán outros de Castela e León e Asturias.
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), no ano 2030 unha de cada seis persoas terá 60 anos ou máis. Haberá 1.200 millóns de persoas deste grupo de idade e subirá a 2.100 millóns en 2050. A medida que a poboación española e gran parte da poboación mundial transita cara un estado de alto grado de envellecemento, xorden novos retos que deben abordar dende os Estados ata os municipios máis pequenos. A poboación de persoas maiores (65 anos ou máis) en España acadará os 10,7 millóns en 2030, un tamaño ó que contribúe o aumento da esperanza de vida a esta idade.
Esta realidade subliña a necesidade de reforzar o dereito á saúde das persoas maiores. É un dereito humano fundamental universal, porque é de todas as persoas; inalienable, por que é inherente á dignidade humana, e que require respecto e protección.
Hoxe é máis necesario que nunca unha comprensión máis profunda desta etapa vital. A Fundación Matrix recoñece e responde a este desafío a través do Programa de investigación MAYORSIG, cofinanciado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Indaga nos factores que propician a calidade de vida e o benestar das persoas maiores.
Parte dunha sinxela hipótese: as condicións do benestar e calidade de vida contribúen á lonxevidade individual. En cambio, é consciente de dúas circunstancias. Por unha parte, a lonxevidade individual é excepcional. A isto engádese que a lonxevidade non diminúe a idades moi avanzadas. Existe unha meseta de supervivencia das persoas que acadan os 105 anos. Por outra parte, atopamos diferenzas de lonxevidade poboacional entre territorios. Algunhas rexións de España presentan un maior número e proporción de persoas centenarias que outras.
Unha vida individual máis longa con saúde é máis probable nalgúns territorios? Por que? A Fundación Matrix comezou estudando a poboación máis lonxeva do interior da Galicia rural mediante un extenso e intenso traballo de campo. O Programa MAYORSIG leva desenvolvéndose dende o ano 2017 grazas ás partidas orzamentarias destinadas a investigación para entidades sen ánimo de lucro, como actividade de interese xeral considerada de interese social.
Sabemos que a saúde é moito máis que ausencia de enfermidades, por iso o Programa MAYORSIG aborda o envellecemento activo ou saudable cun enfoque positivo, innovador e alternativo, máis amplo. Está dirixido por Javier Montalvo, profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo.
“Exploramos algúns factores que promoven a saúde nas persoas maiores en lugar de centrarnos naqueles que a empeoran”, declara. “Moitas persoas maiores saben como conseguir niveis superiores de benestar físico e mental, algo que tamén pode depender de interaccións co seu ambiente físico e social”, engade.
O médico Alejandro Jadad, fundador do Centro para a Innovación Global en eSaúde na Rede de Saúde e profesor da Escola de Saúde Pública da Universidade de Toronto (Canadá), e outros colegas propuxeron en 2011 unha definición moderna de saúde como “a habilidade das persoas e as comunidades para adaptarse e manexar os desafíos físicos, mentais e sociais que se presentan na vida”. Hai territorios con poboacións e persoas maiores cuxas aptitudes, actitudes e hábitos favorecen a lonxevidade?
Obxectivos do Programa MAYORSIG
O Programa MAYORSIG persegue contribuír á planificación de medidas que favorezan a saúde, o benestar da poboación de persoas maiores en España. Entre outros obxectivos pretende identificar os factores ambientais, sociais e individuais determinantes dunha maior lonxevidade poboacional e coñecer as diferenzas territoriais na vulnerabilidade das persoas maiores.
Sendo a fin promover o benestar das persoas maiores, a difusión do coñecemento xerado á Administración socio-sanitaria e a sensibilización da poboación en xeral son actividades importantes.
Promover a saúde das persoas maiores debe ser unha prioridade das políticas de saúde pública. Xerar este tipo de coñecemento sobre esta realidade é moi relevante para este ámbito de actuación prioritario do Terceiro Sector de Acción Social. Tamén para fundamentar as políticas públicas orientadas a promover a protección social das persoas maiores e reducir a súa vulnerabilidade en España.
Os resultados do Programa MAYORSIG servirán, entre outros fins, para innovar no deseño de medidas sociais adaptadas á realidade territorial; promover o uso eficiente dos recursos públicos destinados á atención socio-sanitaria; protexer máis eficazmente á poboación de persoas maiores máis vulnerable e concienciar sobre a saúde e o benestar.
Traballo de campo esencial
A investigación analiza que factores individuais, ambientais e sociais favorecen o benestar e a calidade de vida, é dicir, por que as persoas viven máis e mellor que en certas zonas. En palabras de Verónica González, Coordinadora de Investigación e Educación Social da Fundación Matrix, “non é o mesmo vivir moito que vivir ben”, e é ese “o obxectivo principal que queremos coñecer co noso estudo”.
Consta dun extenso traballo de campo consistente nunha enquisa adaptada a persoas maiores, de 80 anos e máis. Iniciouse en maio do 2022 e continúa na actualidade.
O traballo do persoal enquisador é exhaustivo e de alta calidade, xa que conta con formación especializada nese ámbito. Un equipo de profesionais especialistas en traballo social, socioloxía, educación social e ciencias políticas desprazáronse a distintos puntos do territorio rural galego “Para descubrir que factores determinan que as persoas vivan máis, tamén é preciso coñecer as súas costumes e o vínculos sociais que se crean no rural”, asegura Laura Chamborro, unha de las especialistas del equipo.
O persoal enquisador observa que “é moi habitual atoparse con persoas que acadan os cen anos sendo independentes, vivindo soas, ocupándose das tarefas do fogar, as colleitas e os animais”, algo coincidente coa hipótese de traballo, que as condicións do entorno rural poderían favorecer a calidade de vida e a lonxevidade.
Por este motivo é tan importante a realización dun traballo de campo coidadoso, contando sempre co interese e a colaboración dos Concellos e o compromiso das persoas responsables dos seus servizos sociais, que axudan ó equipo a contactar coa xente maiores destinataria da investigación. Ademais, a Fundación Matrix debe agradecer a implicación persoal e acompañamento de alcaldes, traballadores sociais e incluso veciños para facilitar a tarefa. O equipo está “profundamente agradecido por este apoio, xa que sen este a investigación non houbese sido posible”.
As persoas octoxenarias atesouran un coñecemento ligado á súa experiencia vital. O instrumento central desta parte do Programa MAYORSIG é descubrilo mediante un cuestionario que rexistra máis de 100 variables por persoa entrevistada. Inclúe aspectos individuais de alimentación, saúde física, emocional e aspectos familiares e sociais. Por exemplo, sobre a alimentación, recóllense detalladamente frecuencia de consumo de 17 tipos de alimentos, como froitas frescas ou aceite de oliva, e outros hábitos.
Sobre saúde física, ademais da presenza de enfermidades crónicas, preguntase por hábitos de sono e outras condutas de autocoidado. Respecto á saúde emocional, o cuestionario pregunta sobre a posible soidade, tranquilidade ou fatiga, as motivación que sinte a persoas no seu día a día ou a realización de actividades ó aire libre. Finalmente, un grupo de preguntas aborda aspectos asociados ó benestar social, e pide á persoa que comparta, por exemplo, como se sinte respecto ás súas relacións familiares ou de amizade.
Seleccionouse unha mostra de 43 concellos de Galicia, moitos deles forman parte dunha zona azul, con máis de 12 persoas centenarias por cada 10.000 habitantes. No conxunto destes municipios residen ó redor de 14.000 persoas con 80 anos ou máis, e 276 persoas maiores de 100 anos. Completouse o traballo de campo en 24 destes concellos, situados en 15 comarcas diferentes das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra (ver mapa de Figura 1).
En total, a enquisa xa cobre máis de 1.000 persoas, cunha media de idade de 86 anos, e 16 delas con 100 anos ou máis.
Experiencias vitais
Durante as numerosas xornadas de campo entrevistando, o equipo coñece moitas historias persoais. O traballo de campo nútrese non só de datos que resultan de cubrir cuestionarios, se non que se enriquece coas experiencias e vivencias que acompañan cada entrevista.
Cada persoa ten a súa historia vital, e é un momento de conexión entre dúas persoas que comparten un tempo xuntas. Ademais, tódalas persoas maiores, mulleres e homes por igual, son moi agradecidas e están encantadas de compartir un momento do seu tempo co persoal enquisador, xa que moitas delas adoitan vivir sen compañía ou lonxe dos seus familiares.
Durante a entrevista afloran numerosas anécdotas. Nieves, de 100 anos e veciña de Vilachá, parroquia de Sober, un municipio da comarca lucense da Terra de Lemos, vive soa e é totalmente autónoma. Comenta que está buscando nova parella.
Tamén contan as súas historias persoais, aprécianse hábitos actuais e a súa maneira de ser. Unha muller retornada ó rural galego tras traballar toda a súa vida en Suíza servía café nalgún piso da sede das Nacións Unidas. Algunhas persoas octoxenarias reciben ó equipo cortando leña de carballo, preparándose para o inverno. Moitas ofrécenlle ó equipo todo tipo de produtos da súa horta como recordo. Aflora a beleza das tradicións e costumes, a xenerosidade do pobo e a terra galega, todo un agasallo de emocións que se rexistran no corazón. Participar neste estudo “é un verdadeiro privilexio e contén un enorme valor sentimental para as persoas que o desenvolvemos, deixándonos unha lembranza indeleble para sempre”. Tal como recoñece Lara Couñago, “é imprescindible aprender da xente maior do rural e poñer en valor tódolos seus coñecementos e cultura”. Iso é o que fai cada día o equipo de especialistas da área social da Fundación Matrix.
Onde traballa o equipo na actualidade? Programa de visitas ós concellos de Pol (Lugo), Ortigueira (A Coruña) ou Cenlle (Ourense), coa axuda das súas institucións e entidades que, como se explicou, son fundamentais para a adecuada execución do traballo de campo. Con estes concellos, onde reside un total de 1.270 persoas de 80 anos e máis, 21 delas centenarias, seguirá medrando o número de persoas maiores enquisadas e vivencias nos próximos meses.
O alcance do Programa MAYORSIG non remata en Galicia. Seguindo criterios e datos sobre áreas de alta lonxevidade, está a planificarse o estudo na provincia de León, e o seguinte territorio será Asturias. Para isto, tamén se contará coa colaboración de Concellos e institucións locais para acceder a persoas de espazos rurais mais alá da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, froito do esforzo realizado, o Programa MAYORSIG está tendo visibilidade en diferentes medios de comunicación de ámbito provincial, coma La Región. Conta xa con dúas aparicións a nivel autonómico na Televisión de Galicia, nun telediario e nun reportaxe.. Por outra parte, xa son catro as aparicións que acumula no Bierzo, onde xa se realizou a presentación do Programa e marcado o inicio dunha nova etapa.
En conclusión, o Programa MAYORSIG contribúe ó Obxectivo de Desenvolvemento Sostible ODS 3 ‘Boa saúde e benestar’ da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Comparte o obxectivo da OMS que declara que a década do Envellecemento Saudable 2021-2030 debe ser unha oportunidade para mellorar a calidade de vida dos maiores. Os resultados estarán dispoñibles para toda a poboación, gracias á difusión en internet e ás novas tecnoloxías de información xeográfica, ofrecendo unha información recente, atractiva e interactiva.
Artigo divulgativo do Programa de investigación MAYORSIG, desenvolto no marco das subvencións do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e do Programa INVESTIGO, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Xunta de Galicia financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible coa colaboración da Universidade de Vigo.
Sin Comentarios