24 Oct Esperanza de recuperación tras os incendios extremos en Galicia: iniciativa na aldea do Seixo (O Bolo, Ourense)

Esperanza de recuperación tras os incendios extremos en Galicia: iniciativa na aldea do Seixo (O Bolo, Ourense)

 

O medo e as catástrofes adoitan espertar a solidariedade comunitaria. Os incendios extremos que arrasaron o sureste de Galicia en agosto de 2025 deixaron tras de si unha paisaxe profundamente transformada: decenas de miles de hectáreas devastadas polo lume. As lapas arrasaron vivendas en varios núcleos da comarca de Valdeorras e cubriron de negro amplas superficies ocupadas por matogueira e repoboacións de piñeiro, afectando tamén a áreas de bosque caducifolio, viñedos e outros usos do solo. A angustia vivida polos veciños de numerosas aldeas, rodeadas polas lapas, deu paso a unha reflexión colectiva sobre o futuro da súa contorna: que facer co territorio e como contribuír entre todos a unha paisaxe máis segura e resiliente. A resposta pasa, necesariamente, pola cooperación vecinal. Un encontro cos veciños e propietarios da aldea do Seixo, co apoio do Concello do Bolo, exemplifica este espírito de colaboración. Esta iniciativa non só senta as bases para a recuperación ecolóxica e paisaxística tras o incendio, senón que tamén reconecta emocional e culturalmente á comunidade co seu territorio, fortalecendo os lazos veciñais e o compromiso coa conservación dos seus valores ambientais.

 

A identidade e o modo de vida no medio rural de Galicia están ligados intrinsecamente ás súas singulares características xeográficas e ecolóxicas. A emigración e o envellecemento poboacional constitúen os principais factores que explican o despoboamento e o declive demográfico. Estas circunstancias, que se intensificaron marcadamente nas últimas cinco décadas, están directamente asociadas ao progresivo abandono das actividades agrarias en Galicia.

Pero o abandono agrario non responde unicamente a causas demográficas; as súas raíces son moito máis profundas. Enfrontámonos a unha infrautilización do territorio rural galego e á desaparición paulatina das actividades agrícolas e de gandería extensiva. Por que? Entre os principais factores estruturais destacan a extinción do modelo de explotación agraria de autoconsumo ou subsistencia, o pequeno tamaño e fragmentación da propiedade das parcelas agrícolas, a demanda de emprego desde outros sectores económicos, e os estilos de vida das novas xeracións e as aspiracións sociais.

Cales son, entón, as consecuencias do abandono agrario en Galicia? Son múltiples e preocupantes. En primeiro lugar, a perda irreparable da identidade cultural do medio rural galego. O valor produtivo do territorio diminúe, deixando de ser unha fonte de riqueza, de alimentos e outros recursos. A paisaxe tradicional sofre unha profunda transformación e degradación. A falta de coidado das leiras agrícolas conleva á perda de elementos patrimoniais como os valados de pedra ou os socalcos, que tamén forman parte da nosa identidade cultural. O abandono tamén facilita a erosión do solo e a colonización de certas especies arbóreas e arbustivas. Promove unha vexetación que acumula biomasa a miúdo moi inflamable. A ausencia dun uso gandeiro nos montes, a xestión forestal inadecuada e o abandono de moitas parcelas forestais, xunto cos outros factores mencionados, acentúan unha perda de biodiversidade e un aumento significativo do risco de incendios forestais.

Matogueira de uz dous meses despois do incendio do 16 agosto de 2025 no Monte Veciñal en Man Común de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) 

 

Emerxencia climática e incendios catastróficos

Neste escenario ocorre a situación de emerxencia climática que exacerbou o risco de incendios forestais no sueste de Galicia en agosto de 2025 e acentuou a súa magnitude. Os incendios de sexta xeración alcanzaron a maior extensión na historia rexional desde que existen rexistros, e afectaron ou ameazaron gravemente a espazos da Rede Natura 2000.

Sucederon durante unha vaga de calor extraordinaria (a máis intensa e longa observada en España), con circunstancias meteorolóxicas extremas atribuídas ao cambio climático. A súa propagación foi rápida, principalmente por estas condicións meteorolóxicas extremas de altas temperaturas e baixa humedade do aire, e tamén por presenza de fortes refachos de ventos moi cambiantes. Un só incendio, o de Larouco, afectou a ao redor de 40.000 hectáreas, representando algo máis do 30% da superficie total queimada en Galicia ese mes.

O abandono agrario subxace a unha estrutura da paisaxe e ao predominio dunha vexetación moi vulnerables ao lume, máis aló da mera acumulación de biomasa e conectividade do combustible. En moitas áreas foi un incendio de copa que saltou cortalumes, pistas e estradas, liberando pavesas que, arrastradas por un vento cambiante, propagaron o lume de maneira incontrolable.

Esta concatenación de factores desencadeou unha severidade do lume catastrófica en diversos puntos, provocando impactos ecolóxicos devastadores (Cadro 1). Estes danos, concentrados xeograficamente afectaron gravemente á biodiversidade e aos servizos ecosistémicos, particularmente aqueles vinculados ao ciclo da auga, ademais de danos nalgúns núcleos habitados.

Pola súa magnitude activouse o nivel 2 de emerxencia na provincia de Ourense, e mobilizouse á Unidade Militar de Emerxencias (UME) entre outros recursos extraordinarios para a súa extinción, estando todos absolutamente desbordados pola gran cantidade de focos presentes, o que dificultou a chegada de medios a moitos lugares. Por iso o veciños tiveron que loitar por salvar os seus pobos.

Os factores estruturais causantes dificultan a innovación efectiva nas políticas agrarias, a pesar de valiosos enfoques e esforzos para incentivar a substitución xeracional, fomentar a agricultura ecolóxica e a diversificación de actividades, promover o acceso a leiras de cultivo ou uso gandeiro mediante o banco de terras ou polígonos agroforestais para superar as limitacións do minifundismo.

A comarca de Valdeorras, é un territorio representativo do noroeste de Ourense cunha densidade de poboación moi baixa no contexto galego, de menos de 30 habitantes/km2. É propia dun territorio rural con grandes superficies aptas para actividades do sector agropecuario e pouco poboado, onde a poboación activa agraria, con todo, só representa hoxe ao redor do 4% do total, unha cifra inferior á doutras comarcas galegas.

Esta comarca é representativa do abandono agrario comentado e dos incendios de agosto de 2025. Consideramos que un enfoque territorial comarcal é imprescindible. Pero, ademais, propoñemos un enfoque con base local, a nivel inframunicipal, que incorpore actuacións de desenvolvemento e innovación social, capaces de catalizar un cambio positivo e construtivo.

Paisaxe nevada no Seixo, xaneiro de 2023. No centro, O Lombeiro

Transformación da paisaxe cultural

Galicia tiña un espazo rural que definía unha paisaxe cun territorio ordenado por usos do solo tradicionais eficientes e unha experiencia de preservación dos recursos naturais de séculos, cun aproveitamento admirable, respectuoso e sostible marcado polas necesidades de subsistencia.

Hai un século, a paisaxe cultural de Valdeorras era un mosaico agrario de vexetación e usos do solo moi heteroxéneo e coidado. O cambio socioeconómico no medio rural  transformou a paisaxe noutra moi diferente, abandonada e máis uniforme, pola desaparición ou acusada redución da maioría dos usos tradicionais dos recursos biolóxicos do monte.

Historicamente, nas ladeiras dos montes, existían espazos agrícolas como as bouzas, searas de monte e poulas. Estes terreos, a miúdo de fertilidade limitada, estaban dedicados ao cultivo de cereais rústicos de ciclo curto, como o centeo do país ou o trigo tremesino. O seu aproveitamento ancestral era complexo e cíclico mediante a técnica de roza (curta da vexetación que se deixaba secar no terreo) e queima (para fertilizar o solo coas cinzas). Un lume coidadoso dunha superficie pequena, causando un mínimo impacto. Despois, labrábase a terra con aixada ou arado romano (tirado por mulos) para sementala.

Ademais do principal produto a cultivar, as espigas co seu gran, recollíase palla, un subproduto para a alimentación do gando (e camas para os cortellos). O restrollo, calquera espiga ou material vexetal que quedaba no monte era un valioso recurso alimentario sobre todo para cabras e ovellas. Despois seguían longos períodos de barbeito para permitir a súa recuperación e reiniciar o ciclo.

Rabaño de cabras cruzadas. básicamente con raza Guadarrama, moi rústica, en montes de Vilariño de Conso (Ourense). Fonte: Antonio Tuzzi

Con todo, debido ao progresivo abandono destas prácticas de cultivo e manexo do monte, estes espazos experimentaron unha profunda metamorfose. A interrupción da rotación e o labrado facilitou a ocupación permanente por unha matogueira cada vez máis alta e densa, configurando unha paisaxe que reflicte a memoria do seu pasado agrario, pero que hoxe presenta un alto risco de incendios forestais.

A desaparición local do pastoreo e a gran maioría de rabaños de cabras e ovellas, unha forma aproveitamento tradicional como pasto dos arbustos do monte, en particular, contribuíu moito á proliferación de áreas extensas de matogueira moi densas, con máis biomasa leñosa acumulada e menos biomasa herbácea. Antes, a súa biomasa limitábase periodicamente mediante queimas coidadosas a finais de inverno de orixe ancestral, que favorecían a abundancia e calidade do pasto. Sen cultivo e sobre todo sen pastoreo, a vulnerabilidade ao lume do monte é maior.

Os veciños do Seixo nun magosto o 18 de outubro de 2025

Repoboacións forestais e abandono do uso agrícola

Apareceron novos usos do monte. As grandes repoboacións de piñeiro resinero (Pinus pinaster) realizadas durante a segunda metade do século XX no Bolo, Larouco, Carballeda de Valdeorras ou Rubiá, e as plantacións de piñeiros en montes de Vilamartín de Valdeorras, por exemplo, crearon unha paisaxe con áreas moi continuas de piñeiral, sen rozar nin xestión óptima, en cuxos intersticios forestais desenvolvéronse e rexeneraron bosques caducifolios, como os de rebolo (Quercus pyrenaica), que antes se usaban como touzas ou monte para leña, ou os soutos (terreos con castiñeiros) sen podar nin coidar, quedaban abandonados.

Numerosas pistas e a densa rede de antigos camiños rurais ocupáronse por matogueira e zonas con árbores, facéndoos intransitables, e uniformizando a paisaxe. Moitos cortalumes, despois das plantacións forestais no monte, carecen dun mantemento adecuado, provocan o efecto contrario xa que non son eficaces para frear a propagación do lume cando é virulento, algo máis frecuente co quecemento global.

Souto en Marzán (O Bolo)

Por outra banda, en paralelo tivo lugar o abandono do cultivo agrícola nos lugares máis fértiles, do espazo do agro, constituído por numerosas leiras (pequenas parcelas de cultivo) privadas usadas tradicionalmente para horta, árbores froiteiras e soutos. A finalidade dos soutos era moi importante porque a súa relevante produción de froitos comestibles, as castañas ou bullotes, eran un alimento moi importante xa que podía prepararse de diversas formas e eran nutritivas e relativamente fáciles de atopar, cunha produción entre 20 e 60 kg por árbore madura en condicións óptimas.

Piñeiral de elevada densidade, orixinado por rexeneración natural de semente e sen manexo selvícola, nunha leira de antigo uso agrícola afectada polo incendio no Seixo

O abandono do espazo agrícola cultivado da contorna dos núcleos habitados determinou a acumulación de biomasa herbácea e leñosa. Antes a gandería local aproveitaba e limitaba esta acumulación. Este abandono tamén favoreceu as plantacións forestais en leiras privadas ou a colonización de piñeiros e outras especies arbóreas en área agrícolas, incluso a rexeneración de bosques, e o desenvolvemento de matogueiras altas e densas, en espazos máis fértiles e produtivos.

Por iso, nas zonas de contacto entre vivendas e zonas arborizadas (interface urbano-forestal), regulouse o establecemento de faixas de protección ou de xestión de biomasa para reducir a carga de combustible e o risco de propagación de incendios. Débese reducir ou eliminar a biomasa (manter ¨limpas¨) unhas franxas perimetrais a unha distancia de 50 m das vivendas e ata 100 m de núcleos declarados de alto risco de incendios.

Hoxe piñeiros e vexetación natural proliferan na contorna das vivendas en moitas áreas, habendo casos nos que están pegados ás propias vivendas ou mesmo as estradas que comunican pequenas localidades. Os concellos ou os veciños non poden conservar rozadas unhas mínimas franxas ou áreas protectoras do lume. “Teño 80 anos e unha pensión de 700 euros, non podo manter limpas as miñas leiras”, di un veciño dunha aldea de Vilamartín de Valdeorras, segundo relata o seu alcalde Enrique Álvarez, que recoñece as severas limitacións que teñen os concellos pequenos para protexer do lume segundo a normativa.

Figura 1. Mapa de relevo sombreado da parroquia do Seixo (O Bolo, Ourense) e identificación das superficies de monte e parcelas agrícolas. Fonte: Google Earth e Visor SIXPAC da Xunta de Galicia.

O monte de varas e as leiras agrícolas teñen piñeiros queimados con valor comercial como madeira de serra e outros de menor tamaño susceptibles de aproveitamento para triturado ou conglomerado, sendo preciso en todo caso a eliminación de toda a madeira non comercial desta especie afectada polo lume.

Os veciños e veciñas do Seixo reuníronse varias veces na Casa do Pobo, algunhas impulsadas polo alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, para reflexionar sobre a xestión do seu territorio queimado e previr incendios no futuro. Promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Seixo, con apoio do Concello do Bolo e a Universidade de Vigo, celebrouse o 17 de outubro un encontro coa veciñanza e propietarios.

Os veciños e as veciñas acordaron tres cosas moi importantes e innovadoras para a xestión colectiva no Seixo. Para o monte de varas –que non está constituído formalmente–, designaron á Asociación de Veciños do Seixo para actuar no seu nome, como titulares dos dereitos desta propiedade en proindiviso debidamente rexistrada, en todos os trámites administrativos ante a Xunta de Galicia relacionados coa solicitude de autorización do aproveitamento madeireiro e recuperación (que inclúe as axudas do Decreto 79/2025, do 29 de setembro de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025).

Para este mesmo fin nas leiras agrícolas, designouse a un veciño para representar ao conxunto da veciñanza, coa excepción dalgúns veciños que non teñen piñeiros queimados ou prefiren xestionalo de forma individual. Ademais, para estas leiras, designouse ao mesmo representante para futuras decisións sobre actuacións de conservación e mantemento preventivas de incendio no futuro.

Reunión dá veciñanza do Seixo para previr futuros incendios o 24 de agosto de 2025. Fonte: OSil.info

 

O territorio do Seixo

Santo Anxo do Seixo é o nome dunha pequena aldea e parroquia do concello do Bolo, no noroeste da provincia de Ourense. O Bolo é un municipio clasificado como “a revitalizar” no Plan da zona de Valdeorras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O Seixo é un topónimo galego que fai referencia a este mineral predominante na cuarcita, unha roca metamórfica apreciada pola súa dureza e beleza, obxecto de extracción e presente –xunto á lousa– no territorio e na denominación social de varias empresas mineiras da comarca de Valdeorras cos seus nomes en castelán (‘cuarzo’ e ‘pizarra’).

O Seixo é un asentamento rural situado nun relevo con pendentes pronunciadas, situado a media ladeira, que reflicte unha adaptación a unha contorna xeográfica específica, con probables conexións prehistóricas na súa orixe. Os lugares illados, con visibilidade, unha drenaxe adecuada e unha exposición solar cara ao sur ofrecían condicións de seguridade e ambientais favorables. Desde onde se sitúan as vivendas, a 570-620 m, existe un val que descende nunha distancia moi curta, dun quilómetro ou menos 130-170 m de altitude ata o río Xares, afluente do río Bibei e este á súa vez do río Sil.

Construción rural tradicional de uso agrogandeiro do Seixo, con muros de lousa e unha porta de madeira maciza con marco de madeira, probablemente de castiñeiro. Ten un banco de pedra ou poio característico das aldeas do interior de Galicia, usado para descansar ou apoiar cargas

O Seixo está constituído polo núcleo principal e un barrio próximo, O Lombeiro, que fai referencia á súa situación nunha elevación ou lomba. Unha rúa estreita define unha fileira de vivendas tradicionais con muros e tellados de lousa, e xanelas pequenas. Algunhas con dúas plantas graduadas na ladeira, a inferior cun uso tradicional de adega ou para os animais. Pequenas terrazas ou socalcos á súa redor definían espazos de horta e cultivo agrícola, algunhas árbores froiteiras dispersas, viñedos e soutos.

A superficie total do Seixo é ao redor de 550 ha, e podemos distinguir tres clases de propiedade privada (Figura 1). A superficie orixinalmente agrícola representa case o 50% da superficie total e está constituída por numerosas parcelas pequenas. A superficie restante é monte de propiedade colectiva veciñal. Unha pequena parte é monte en man común (menos do 5%), de todos os veciños residentes, que está sobre todo concentrado ao sur. A maioría é monte de varas (case a metade da superficie total) que, a diferenza do anterior, transmítese hereditariamente.

Figura 2. Delimitación da área de Rede Natura 2000 sobre un mapa de relevo sombreado da parroquia do Seixo (O Bolo, Ourense) e identificación das superficies de monte e parcelas agrícolas. Fonte: Google Earth, Visor xeográfico de conservación de natureza e Visor SIXPAC de la Xunta de Galicia

O monte de varas e veciñal (en diante denominámolo comunal) e áreas agrícolas do suroeste da parroquia forman parte do extremo nororiental do espazo protexido Macizo Central, que forma parte da Rede Natura 2000, que representa case o 70% da superficie total da parroquia (Figura 2).

O lume percorreu O Seixo o 16 de agosto de 2025 e os veciños con axuda da UME protexeron as súas vivendas. Ardeu o 91% da superficie parroquial (Figura 3). Ángel, un veciño, sentiu desesperación “pensando que ardía todo o pobo, pero á vez de fortaleza para loitar contra o lume e evitar que arderan as casas”. Os sentimentos de Eliska, unha veciña nova emprendedora coa súa parella, foron “frustración, impotencia, medo, rabia e mágoa”.

A maioría deste espazo agrícola da contorna do pobo, nas ladeiras próximas, estaba abandonado e ocupado en gran parte por matogueira e piñeiros (P. pinaster), ás veces con alta densidade, sen manexo, resultado dunha colonización progresiva tras un incendio de hai décadas. Cun clima mediterráneo continental, aínda que con influencia atlántica, presenta masas de árbores ou individuos illados de sobreiras (Q. suber) e aciñeiras (Q. ilex), ademais de rebolos e carballos (Q. robur), xaras entre outros.

A superficie de espazos de Rede Natura 2000 afectada polo lume é o 97% sobre o total parroquial, en concreto 356 ha.

Figura 3. Delimitación da parroquia do Seixo (O Bolo, Ourense) sobre unha imaxe de Google Earth antes do incendio (superior; 27/6/25) e despois (inferior; 5/9/25). En está última identifícanse as áreas non afectadas polo lume mediante polígonos cunha liña verde. Fonte: Google Earth

 

“Árbores que non queimen facilmente”

No encontro mencionado con veciños e propietarios. Rexistrouse mediante unha enquisa individual a súa opinión sobre os usos no monte e no espazo agrícola.

Que paisaxe desexan? Unha veciña do Seixo expresaba de forma clara e concisa que quere para a súa contorna incendiada: ”árbores que non queimen facilmente”. A realidade é que no Seixo e na contorna das vivendas existían árbores con distinto comportamento ante o lume, é dicir, facilidade de arder e propagar o lume.

A sobreira é a especie menos inflamable inflamable e que máis lentamente propaga do lume. A súa presenza en superficies arborizadas dispersas e árbores illadas contribuíu á protección fronte ao incendio. O castiñeiro ten unha inflamabilidade baixa-media e unha facilidade de propagación media. Os grupos de castiñeiros formando soutos nos hábitats máis húmidos que estaban rozados foron protectores.

Conxunto de sobreiras chamuscadas nunha leira de antigo uso agrícola afectada polo incendio de O Seixo

A aciñeira presenta unha inflamabilidade e facilidade de propagación media, pero presentábase como pés illados no seo dunha matogueira. O rebolo presenta unha inflamabilidade media, pero facilita a propagación do lume. Afortunadamente non era moi abundante na contorna habitada.

Pola contra, o piñeiro é unha especie de moi alta inflamabilidade e facilidade de propagación do lume.  É a especie máis común, con máis árbores e forma superficies arborizadas ás veces moi densas e outras presentan árbores de 8 a 15 m de altura (15 a 20 cm de diámetro normal). Ademais, é a especie que máis se estende ao longo e ancho das ladeiras veciñas máis afastadas dos núcleos habitados. É unha especie altamente pirófita polos seus aceites volátiles, e a presenza de copas continuas e follaxe resinosa facilitan a propagación vertical e horizontal do lume, e a parte ten a capacidade de prender a distancia cando comezan a arder as piñas, xa que poden ir rodando favorecidas pola pendente e propagar o lume con facilidade. Ademais, esta especie ten unha alta capacidade de invasión e ocupación doutros espazos, polo que a súa presenza local aumenta a vulnerabilidade ao lume.

Ningunha persoa do Seixo quere piñeiros na súa contorna. Existe un consenso, é unha especie para erradicar do territorio da parroquia. Tampouco desexan que exista eucalipto, outra especie pirófita. Existe un pequeno rodal de eucalipto na contorna do pobo. Acertan, pois a capacidade de ignición, de propagación do lume, e mesmo a velocidade de propagación do lume en ladeiras con vento, supera á do piñeiro.

 

Viñedo no Seixo

Paisaxe segura e produtiva

Despois do incendio sufrido, todas as persoas desexan unha paisaxe segura e produtiva no monte comunal e case todas na contorna das leiras privadas, na súa maioría abandonadas. De feito, a maioría das persoas necesitarían axuda para xestionalas mellor, é dicir, mantelas polo menos libres de piñeiros e vexetación inflamable.

Case a metade declara requirir axuda para cortar a madeira queimada nas súas leiras, dúas de cada cinco persoas precisan axuda para protexer o solo nas súas leiras tras o incendio e un terzo afirma que necesita axuda para cultivalas.

Algo moi interesante e innovador é que a inmensa maioría das persoas (80%) desexa unha xestión colectiva das súas leiras, ben pola Comunidade de Montes en Man Común da parroquia, ben desta xunto co Concello do Bolo. Dúas persoas, aínda que admiten esta opción, desexan xestionar a súa produción pola súa conta en parte delas.

Plantación de oliveiras, con titores e tubos de plástico protectores dos herbívoros, rodeada de piñeiral queimado no Seixo

A comunidade considera apropiados oito usos diferentes no monte, todos son compatibles coa produción de alimentos, ben mediante sistemas agroforestais ou agrosilvopastorais (cultivo de cereal, soutos, pasteiro, matogueira e oliveiral), ou ben e masas de árboles e árbores dispersas de catro especies (sobreira, aciñeira, rebolo e carballo), susceptibles tamén de aproveitamento de madeira ou leña. As preferencias son moi variables, entre un e oito usos, sendo a media catro usos diferentes.

Unha de cada tres persoas quere no monte sobreiras ou aciñeiras, onde sexa posible, e case o 70% quere castiñeiros. Son desexos ben encamiñados. Case a metade opta polo rebolo, aínda que non é a óptima, pero é unha árbore que en certos enclaves e en baixa densidade, illado en masas mixtas e con pastoreo sería compatible nunha paisaxe segura.

Non valoran a matogueira, probablemente porque se asocia a unha paisaxe improductiva e facilmente inflamable. A uceira ou breixeira é un tipo de vexetación abundante en ladeiras e espazos sen árbores do monte de varas, situado en cotas altas, e tamén no agro abandonado, con xaras e outros arbustos mediterráneos de áreas secas.

Con todo, a matogueira é un espazo de pastos arbustivos e herbáceos para as cabras excelente e un uso produtivo que reduce o risco de incendio. De feito, case todas as persoas valoran os pasteiros no monte, como espazos abertos e aproveitados polo gando –no cal cabe incluír unha matogueira aproveitada mediante pastoreo–, e case a metade opta por pasteiros nas leiras privadas do agro.

Entre o 20% e 30% valoran recuperar o cultivo de trigo ou centeo nas leiras agrícolas ou no monte comunal. Outra opción posible nas leiras é o cultivo de cebada, un gran de interese para a alimentación das galiñas no inverno, e que outrora se cultivaba en amplas extensións para alimentase aos mulos, a tracción animal de entón segundo nos conta Feli, unha veciña de 91 anos que aínda pasa longas tempadas na aldea.

A oliveira no monte é unha opción interesante e innovadora, achegada probablemente por unha persoa que posúe unha plantación que foi afectada polo incendio de agosto. Polas condicións climáticas da zona danse de maneira espléndida, tanto en porte como en produción de froito.

Cereixo en flor en abril no Seixo. Á esquerda, O Lombeiro

A comunidade considera apropiados 10 tipos de usos diferentes para a produción de alimentos no espazo agrícola, mediante sistemas agrícolas ou agrogandeiros: viñedo, horta, froiteiras de pebida, froiteiras de óso, figueiras, nogueiras, soutos, oliveiral, cultivo de cereal e pasteiro. As preferencias dos propietarios son moi variables, entre un e 10 usos, sendo a media entre cinco e seis tipos de usos diferentes. Entre o 50% e 60% das persoas propietarias opta por recuperar ou potenciar onde sexa posible unha paisaxe con horta, árbores froiteiras (como maceiras, pereiras, cereixos e ameixeiras), viñedos, oliveiral e soutos.

 

Ordenación do territorio

 A idiosincrasia galega ten raíces nun pasado idealizado e difícil, con pobreza que causou a emigración forzada, sentimentos de desarraigamento e resignación. Explica unha prudencia individual ás veces indistinguible de receo ante o innovador. Pero tamén se expresa na importancia da comunidade e a solidariedade nos núcleos rurais, en especial nos máis pequenos. Nestes é moi importante o sentido de pertenza e de comunidade, a rede local de axuda mutua e a solidariedade entre veciños. Unido a unha conexión moi profunda coa terra e coa natureza, en realidade é unha fortaleza para o futuro.

Clemente, de 85 anos, na súa horta do Seixo o 17 de outubro de 2025

Existe a oportunidade dunha xestión activa colectiva. Tras o medo e a angustia, o espírito de colaboración e cooperación polo ben común reforzouse. Veciñas e veciños están de acordo en erradicar os piñeiros e manter rozado o espazo agrícola. Tamén en eliminar os piñeiros do espazo de monte. Cos ingresos da venda de madeira queimada apostan por reinvestir na restauración da paisaxe. O alcalde do Bolo apoia a prevención de incendios, facilitará a xestión con ordenanza municipal sobre as faixas de protección, e considera que temos necesidade de axudas “para restaurar as zonas incendiadas, hai que deixar a política ao carón”.

O abandono agrario e os incendios extremos, a degradación da paisaxe mostran un medio rural desordenado respecto a a súa xestión incoherente coa súa identidade e vocación tradicional. Por iso é necesaria unha ordenación territorial, disciplina que organiza, planifica e xestionar o medio físico dun territorio. Busca lograr un desenvolvemento equilibrado, sostible e coherente coas características ambientais, sociais, económicas e culturais do lugar.

As Directrices de Ordenación Territorial (DOT) de Galicia establecen un modelo territorial e marcan os criterios para o desenvolvemento rural, a integración de usos agrarios, forestais e sociais no medio rural, que se articulan mediante plans de zona (Cadro 2). Definen a comarca de Valdeorras como un “espazo rural periférico”, con risco de despoboamento e abandono.

A ordenación do territorio a nivel comarcal, ou polo menos unha planificación ordenada dos tipos de vexetación e usos do solo, sería unha opción moi oportuna para a protección fronte a incendios extremos do medio rural en Galicia.

As actuacións do Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR 7) débense coordinar coas estratexias de desenvolvemento do territorio de Galicia. No marco da recuperación das terras agrarias, as prioridades do GDR 7 son loitar contra o abandono das terras, previr os incendios, a recuperación demográfica e mellorar a calidade de vida da poboación.

O Plan de Actuación Integral (PAI) para Valdeorras que impulsa a Deputación Provincial de Ourense con fondos FEDER prevé actuacións ata 2029 e a cooperación supramunicipal. Entre outras, previr incendios, rehabilitar espazos naturais, fixar poboación e promover a sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático. Tras os incendios catastróficos, a prevención non debería ser só unha cuestión transversal, senón un eixo central ao redor do cal, cun territorio máis seguro, despregar outras actuacións. O PAI de Valdeorras cun enfoque innovador contribuiría á prevención de incendios desde o ámbito comarcal.

O Seixo e o Concello do Bolo forman parte da estratexia ‘Núcleos interiores vinculados ao patrimonio rural’ definida nas DOT. Ten un elevado potencial para implantar “sistemas silvopastorais e agrogandeiros de gran extensificación”, compatibles ou vinculados aos seus valores ambientais que require unha adecuada utilización dos “instrumentos de xestión de terras, especialmente nos montes veciñais en man común”.

Tamén destaca a oportunidade demostrativa dun desenvolvemento compatible coa conservación de espazos naturais. Ademais, as Administracións fomentarán medidas de promoción socioeconómica para xerar emprego e fixar a súa poboación.

As directrices directas aplicables a actuacións a Valdeorras e no Seixo en particular descríbense no Cadro 3. Reverter o abandono, xestión colectiva de terras, restaurar e previr incendios son actuacións que deben pasar de palabras nun documento a actuacións no territorio.

Eliska e Antón, unha parella nova no pobo, contemplando o monte veciñal queimado do Seixo o 17 de outubro de 2025

A xestión do territorio en común é unha opción para o acceso a terras e a substitución no medio rural. Encaixa cos polígonos agroforestais, que son ámbitos de actuación delimitados pola Xunta de Galicia onde se reorganizan parcelas rurais (agropecuarias, forestais ou mixtas). Deben ter cun mínimo de decenas de hectáreas e, mediante un proxecto de ordenación e xestión conxunta, a súa finalidade é recuperar parcelas de uso agrario abandonadas mediante usos produtivos, xestión agrupada e sostible. Presérvase a propiedade e cédese a xestión, contribuíndo á prevención de incendios desde o ámbito local.

O Seixo merece unha ordenación territorial parroquial. A comunidade pode recuperarse das cinzas e reconstruír o seu futuro. É necesario planificar de forma coordinada os usos e actividades sobre o espazo agrícola e o monte comunal, respectando a propiedade e os intereses individuais, pero tamén asegurando a compatibilidade entre o desenvolvemento económico, a protección do medio ambiente e a cohesión social. Tras o incendio extremo, ábrese unha oportunidade única para reconstruír unha paisaxe con futuro: máis seguro, produtivo e resiliente.

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible

Rocío Lozano, estudante de Xeografía, voluntaria da Fundación Matrix

Elías Esmerodes, estudante do Grao Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

Alba Rodríguez López, Enxeñeira Forestal e do Medio Natural e estudante do Máster de Enxeñaría de Montes

Júlia Pons, estudante do dobre Grao de Enxeñaría Forestal e Agrícola

Publicado: 24/10/25

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies