27 Sep O cambio climático volta este trimestre aos centros educativos da provincia da Coruña
CLIMACO – 2022
O cambio climático volta este trimestre aos centros educativos da provincia da Coruña
A diagnose do clima actual e o coñecemento do cambio climático recente na provincia da Coruña será materia do primeiro trimestre deste curso 22-23 para o alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros de ensino coruñeses. O proxecto CLIMACO chega aos centros de Educación Secundaria Obrigatoria para dar a coñecer de primeira man os resultados dunha investigación pioneira no noso país, grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
A necesidade de adaptación da poboación ao cambio climático é unha realidade que tamén afecta á poboación xuvenil. A Deputación da Coruña, consciente da importancia deste asunto, promove a terceira edición do proxecto CLIMACO nesta provincia para facilitar o coñecemento e a sensibilización necesaria xa dende as aulas. No curso 20/21, preto de 1.500 alumnos de ESO beneficiáronse deste proxecto, e durante o curso 21/22 preto de 500 alumnos de bacharelato.
Na Fase 3 do proxecto CLIMACO ampliarase o Atlas do Clima e o Atlas do cambio climático recente da provincia da Coruña, entre outras actividades.
Coa fin de facilitar a comprensión sobre o alcance do fenómeno do cambio climático aos mozos e mozas da provincia da Coruña, a Fundación Matrix levará a cabo no primeiro trimestre do curso 22-23 esta actividade de carácter totalmente gratuíto nos centros que así o soliciten.
Así, un dos investigadores responsables do proxecto CLIMACO impartirá unha charla divulgativa para alumnado de 3º e 4º de ESO, e a Fundación Matrix ofrecerá ademais a posibilidade de que as rapazas e rapaces participen con él nun coloquio en directo.
Información e inscricións
A participación nesta actividade, que se desenvolve en horario lectivo, é completamente gratuíta. A actividade terá dúas modalidades posibles, online (mediante plataformas de videoconferencia) ou presencial. O prazo de inscricións permanece aberto dende setembro e os centros de ensino só teñen que dirixir a súa solicitude de inscrición ao buzón educacion@fundacionmatrix.es indicando:
- Nome do centro educativo
- Nome do/a docente responsable
- Niveis (3º e 4º de ESO) e número de alumnos
- Preferencia horaria: primeira quenda (a clase antes do recreo) ou segunda quenda (a clase despois do recreo)
- Modalidade: online ou presencial
Compromiso social e contribución aos ODS
A Fundación Matrix lidera e desenvolve a investigación do cambio climático en Galicia cun proxecto pioneiro como CLIMACO, amosando en particular o seu firme compromiso cos Objetivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas, concretamente o ODS 13, Acción polo Clima e o ODS 4, Educación de calidade, coñecida a vulnerabilidade da poboación humana ao cambio climático.
O proxecto CLIMACO – 2022 aborda a problemática do cambio climático na provincia da Coruña froito dunha investigación pioneira en España e co apoio da DEPUTACIÓN DA CORUÑA.
Sin Comentarios