15 Mar Cambio climático recente en Cabo Verde

Cambio climático recente en Cabo Verde

 

Cabo Verde ten na actualidade un clima máis cálido que hai unha década. Coñecer o cambio climático recente é importante para deseñar actuacións de adaptación, en particular para alcanzar a seguridade hídrica necesaria para a poboación e os sectores de agricultura e turismo. Cabo Verde, pola súa condición de pequeno país insular e escaseza climática de auga presenta unha alta vulnerabilidade polo cambio climático. Algunhas estacións meteorolóxicas mostran unha tendencia de quecemento de ata 0,4 ºC por década, se observamos a temperatura media anual. O quecemento é nocturno, fundamentalmente. A temperatura media mínima experimentou un ritmo de 0,6 ºC/década no conxunto do país. Tamén aumentaron os días de calor extremo. Con todo, o quecemento é heteroxéneo no arquipélago. O proxecto CLIMACAVE, realizado pola Universidade de Vigo e a Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible en colaboración con axentes de cooperación caboverdianos, avalía por primeira vez o cambio climático recente mediante mapas de alta resolución espacial. Contribúe con ferramentas de adaptación ao cambio climático ás prioridades da Cooperación Galega.

 

 

A República de Cabo Verde é un arquipélago situado a escasos 500 km ao oeste da costa de Senegal. O país está constituído por dez illas, sendo nove delas habitadas e varios illotes deshabitados, que definen dous grupos debido á súa localización relativa aos ventos dominantes. As illas do Barlovento, ao norte, composto do oeste para o leste polas illas de Santo Antão, São Vicente, Santa Luzia (illa deshabitada), São Nicolau, Sal e Boavista. O grupo das illas de Sotavento, ao sur, formado do leste ao oeste polas illas do Maio, Santiago, Fogo e Brava.

O conxunto das illas ocupa unha superficie total de 4.033 km2 e posúe unha liña de costa relativamente extensa, con cerca de 1.020 km. Ó igual que moitos estados insulares, a xeomorfoloxía do país faino especialmente vulnerable no relacionado coa subida do nivel do mar e os impactos dos fenómenos extremos coma tempestades ou inundacións, xa que o 80% da poboación reside na costa. Non obstante, estas non son as únicas ameazas, o incremento nas temperaturas e os cambios nos patróns de precipitacións tamén poden ter consecuencias negativas para o territorio e a súa poboación.

O clima predominante é tropical seco con dúas estacións ben definidas: seca (de novembro a xullo) e estación húmida (de xullo a outubro). A maior parte do ano presenta un marcado déficit hídrico climático con importantes repercusións sobre a dispoñibilidade de recursos hídricos. A distribución interanual da precipitación é moi irregular presentando mínimos moi marcados e un máximo estacional que supón ata o 90% dos aportes totais anuais. A distribución espacial da pluviometría presenta unha heteroxeneidade espacial relevante froito da combinación da variabilidade do relevo e dos ventos dominantes. O efecto foehn condiciona ditos contrastes. As áreas de maior pluviometría atópanse nas áreas de barlovento (expostas aos ventos alisios) mentres que as zonas máis áridas atopámolas nas vertentes de sotavento (sombras pluviométricas) e especialmente nas illas orientais, as máis próximas ao continente africano.

Poboación de ‘espinheiras’ (Prosopis juliflora), especie introducida mediante un programa reforestación, hoxe naturalizada (illa de Sal).

As temperaturas medias anuais son cálidas, con máximos que se acadan durante a estación húmida, en concreto nos meses de agosto e setembro con ata 32 ºC en áreas concretas do litoral. Pola contra, en xaneiro e febreiro, as temperaturas acadan os valores mínimos.

O clima de Cabo Verde é heteroxéneo, e os impactos do cambio climático poden selo tamén. Pola súa condición insular, clima cálido, precipitacións irregulares e secas meteorolóxicas recorrentes, o territorio caboverdiano presenta unha alta vulnerabilidade intrínseca ao cambio climático. Por iso é necesario xerar coñecemento científico, rigoroso e espacialmente explícito da evolución do clima e os seus cambios nas últimas décadas. O primeiro paso para a adaptación ao cambio climático pasa por ter un coñecemento espacial detallado da magnitude e localización dos cambios acontecidos.

Ciudade de Praia (illa de Santiago), capital de Cabo Verde.

 

Tendencias e cambio climático recente

Para a avaliar o cambio climático recente estudiáronse as series de precipitación e temperatura de 27 estacións da rede de estacións do Instituto de Meteorologia e Geofísica de Cabo Verde (INMG).  O primeiro paso foi a homoxeneización das series para o período de normais climáticas 1991-2020 co fin de cubrir lagoas e a ausencia de datos.Despois, calculáronse as medias de temperatura e precipitación para o período en cada unha das 27 estacións meteorolóxicas e  aplicáronse diversos tests estatísticos co fin de identificar se as series climáticas presentaban tendencias significativas (evidencias do cambio). En concreto, aplicáronse os tests de tendencias de Mann-Kendall, Cox-Stuart, regresión lineal e Pendiente de Sen (estes dous últimos permiten avaliar a intensidade do cambio nas variables).

Ademais do estudo a nivel puntual das citadas estacións meteorolóxicas, o cambio climático recente foi avaliado a través de cartografía de alta resolución espacial para diversas variables e indicadores climáticos entre dous subperíodos climáticos de 15 anos cada un: 1991-2005 correspondente ao ‘clima precedente’, e 2006-2020 o ‘clima actual’.

Monte Leste, en Terra Boa (illa de Sal).

Para isto creouse un modelo espacial e cartografiáronse diversas variables coma a temperatura media anual, a temperatura media das máximas e das mínimas, os días cálidos e as noites tropicais, entre outras. Tamén a  precipitación total anual e outros indicadores coma a precipitación máxima diaria, a racha seca máxima e o ICP. Posteriormente calculáronse as diferencias entre ambos subperíodos climáticos para toda a cartografía xerada, expresando o ‘cambio climático recente’.

A falta de series longas de máis de 30 anos, a pequena rede de estacións meteorolóxicas e a súa distribución en Cabo Verde, constituíron un reto para a investigación. Cabe destacar que para o caso das variables de temperatura dispoñemos de datos dun período suficiente para abordar a avaliación do cambio climático recente. Para o caso da precipitación, 30 anos pode que non sexan suficientes para detectar certos patróns atmosféricos que inciden na irregularidade temporal desta variable no arquipélago.

INTERACTIVO – Visor cartográfico do Cambio Climático recente en Cabo Verde visualizar o mapa premendo o  botón de pantalla completa.

 

Na illa de Santiago cultívase millo que produce espigas pequenas en asociación co feixón ‘bongalon’, alimento básico da agricultura familiar de subsistencia.

Quecemento nun clima tropical seco

Cabo Verde ten na actualidade un clima máis cálido que hai unha década. Esta realidade queda de manifesto para o conxunto das análises realizadas na temperatura e outros indicadores derivados. Botando unha simple ollada ás anomalías de temperatura media para o caso de Mindelo (illa de São Vicente), de seguida nos decatamos de que a maior parte das anomalías positivas concéntranse na segunda metade da serie climática 1991-2020 (Figura 1). O caso de Mindelo é so un exemplo dunha realidade que se manifesta no conxunto do arquipélago. A temperatura media increméntase en tódalas estacións avaliadas, se ben con diferente intensidade. O ritmo de incremento térmico sitúase en 0,4 ºC/década para o caso de Mindelo e Praia (illa de Santiago), 0,32 ºC/década en São Pedro (illa de São Vicente), pola contra nas illas orientais coma Sal, a magnitude do cambio é menor, de 0,05 ºC/década. O test de tendencias de Mann-Kendall, reafirma esta realidade e manifesta que o cambio térmico experimentado é estatisticamente significativo no 75% das estacións avaliadas. Segundo estudos previos o ritmo de incremento da temperatura media no país situouse  en 0,35 ºC/década entre 1961 e 2013, se ben sen ter en conta a posible heteroxeneidade entre illas.

Pero,  como se manifesta este quecemento a nivel espacial? aumentaron as temperaturas mínimas o mesmo que as máximas? E que aconteceu cos extremos térmicos?

Figura 1. Anomalías de temperatura media anual respecto á media do período 1991-2020 na estación de Mindelo (São Vicente).

A Figura 2 mostra a evolución da temperatura media, a media das máximas e a media das mínimas anual para o caso de Praia. Coma se pode observar, a tendencia é positiva nos tres casos, se ben con diferenzas de magnitude na intensidade de cambio experimentado. O ritmo de incremento experimentado é seis veces máis rápido para o caso das temperaturas mínimas que o das máximas. A temperatura media máxima experimentou un ritmo de incremento de 0,1 ºC/década mentres que o da temperatura media mínima foi de 0,6 ºC/década. O quecemento é nocturno, fundamentalmente.

Os cambios acontecidos a nivel espacial entre os períodos 1991-2005 (‘clima precedente’) e 2006-2020 (‘clima actual’) confirman que o quecemento do arquipélago é heteroxéneo (ver visor de mapas adxunto).

Figura 2. Evolución da temperatura en Praia (Santiago) no período 1991-2020. Temperatura media máxima (vermello), temperatura media (amarelo) e temperatura media mínima (azul).

O cambio na temperatura media mínima foi de 0,3 ºC de media espacial para todo o territorio nacional, mentres que no caso das máximas foi de 0,1 ºC. Isto supón unha magnitude de cambio das temperaturas mínimas tres veces superior ao cambio das máximas. O cambio presenta, ademais, contrastes espaciais importantes dentro do arquipélago (Figura 3).

A temperatura media mínima incrementouse de xeito máis significativo nas illas de Sotavento, onde o rango de incremento sitúase entre 0,5 ºC e 0,8 ºC. As illas occidentais de Barlovento presentan valores similares (entre 0,4 ºC e 0,7 ºC), mentres que nas illas orientais de Sal e Boavista atopamos valores máis discretos (entre 0,2 ºC e 0,4 ºC).

Para o caso da temperatura media máxima o patrón espacial do cambio e a magnitude do mesmo é diferente. Os valores máximos de incremento corresponden ás illas occidentais de Barlovento. En concreto en Santo Antão e São Vicente atopamos un rango entre 0,3 ºC e 0,5 ºC. Pola contra, nas illas de Sotavento atopamos incrementos entre 0,1 ºC e 0,3 ºC, mentres que nas illas orientais o incremento foi nulo ou incluso asistimos a leves descensos de ata -0,2 ºC no caso concreto do interior da illa de Sal.

 

Figura 3. Cambio observado na temperatura media anual (a), media das máximas anual (b) e media das mínimas anual (c) entre os períodos 1991-2005 e 2006-2020.

A heteroxeneidade do cambio térmico queda de manifesto na Figura 4, onde se representa o cambio medio espacial das temperaturas medias mínima e máxima nas principais cidades do país. Praia, Assomada e São Domingos (illa de Santiago) mostran os maiores incrementos das temperaturas mínimas, mentres Espargos e Santa Maria (illa de Sal) os menores incrementos.

O clima caboverdiano é tropical seco no que son frecuentes os días cálidos (aqueles nos que se superan os 25 ºC). O mesmo acontece coas noites tropicais (aquelas nas que a temperatura mínima non descende dos 20 ºC). Estes limiares soen establecerse para definir os ‘días cálidos’ e as ‘noites cálidas’, respectivamente. Pero, que aconteceu coa frecuencia destes días no conxunto do arquipélago? A magnitude do cambio é heteroxénea?

Os días cálidos experimentaron un incremento de 5,2 días/ano de media espacial, as noites tropicais experimentaron un cambio máis destacado (acorde coa maior magnitude de incremento das temperaturas medias mínimas), 14,7 días/ano máis entre períodos. O patrón espacial do cambio é similar para ambos casos, sendo as illas orientais e as áreas litorais as que maior magnitude de cambio experimentan. En concreto destaca a illa de Sal, con ata 8 días cálidos máis ao ano e ata 17 noites tropicais máis ao ano (ver mapa do visor).

INTERACTIVO – Visor cartográfico do Risco de seca polo cambio climático nos lugares, vilas e cidades de Cabo Verde: visualizar o mapa premendo o  botón de pantalla

 

Máis extremos cálidos e menos fríos

O cambio climático terá repercusións sobre a frecuencia de superación de determinados limiares de calor extremo. Cabo Verde, pese a ser un país tropical, tamén adoita a ter episodios con temperaturas extremas froito da chegada da masa de aire tropical continental procedente do Sáhara. Estas adveccións cálidas africanas e que adoitan a traer consigo episodios de baixa calidade do aire provocados polo po en suspensión, supoñen un risco para a poboación, en especial de nenos e personas maiores, a máis vulnerable. Pola contra durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro con determinadas situacións sinópticas poden aparecer intrusións de masas de aire relativamente frías procedentes de latitudes máis setentrionais, coñecidas como ‘invernadas’.

Figura 4. Cambio observado na temperatura media máxima (laranxa) e media mínima (azul) de media espacial nas principais cidades de Cabo Verde entre os períodos 1991-2005 e 2006-2020.

En climatoloxía, unha avaliación estatística das temperaturas máximas e mínimas extremas é fundamental para estudar a frecuencia de superacións de determinados limiares asociados a un aumento da mortalidade na poboación. Mentres que a mediana é unha medida do valor central da distribución de frecuencia máxima de temperatura, o percentil 95 é unha medida que define un valor límite de temperatura máximo extremo ou excepcional. Significa que o 95% das observacións de temperatura máxima diaria son inferiores a este valor. Cando se supera este limiar, recoñecemos unha situación de exceso de calor fóra do normal. Para o caso das temperaturas extremas frías, utilízase o percentil 5 da temperatura mínima diaria rexistrada nun período de referencia.

Os percentiles 95 e 5 foron calculados e modelizados espacialmente para un período de referencia intermedio da serie 1991-2020, en concreto, o período 1999-2012. Os limiares de calor extremo presentan contrastes territoriais significativos, movéndose entre os 26 ºC das áreas máis elevadas da illa de Fogo, ata os 32 ºC das áreas de menor altitude das illas orientais. Pola contra, os limiares de frío extremo oscilan entre os -2 ºC das áreas por riba dos 2.600 m na illa de Fogo ata os 17,5 ºC das áreas litorais do conxunto do arquipélago. A altitude confórmase coma un factor fundamental nos limiares de temperatura extrema observados.

A frecuencia de superación de limiares de calor extremo aumentou en Cabo Verde, mentres que os de frío descenderon. Concretamente, os días nos que se acada ou supera o limiar de calor extremo, aumentaron de media espacial en 5 días ao ano, mentres que os días nos que se descende do limiar de frío extremo (con temperaturas máis baixas) descenderon de media espacial en 8 días ao ano entre os períodos. O cambio observado non presenta un patrón espacial definido ao longo das illas. En termos relativos o cambio experimentado nos días extremadamente cálidos é de maior magnitude nas principais cidades do país. Santa María (illa de Sal), Mindelo e Praia son exemplos de cidades cun aumento de preto do 45% (Figura 5).  Os días nos que se supera o limiar de temperatura máxima extrema case se duplicaron nestas cidades, onde se asenta preto do 50% da poboación do país.

Polo tanto, o quecemento do arquipélago de Cabo Verde confírmase tanto na temperatura media coma no aumento de frecuencia de días con calor extremo e o descenso na frecuencia de días nos que se baixa do limiar de frío extremo.

Figura 5. Cambio relativo na frecuencia anual de días moi cálidos (vermello) e días moi fríos (azul) nas sete cidades máis poboadas de Cabo Verde entre os períodos 1991-2005 e 2006-2020.

 

Sen cambios relevantes na precipitación

Non se aprecian cambios relevantes na variable precipitación. De media espacial para o arquipélago observouse un lixeiro incremento de 45 mm anuais. As illas meridionais son as que experimentan un maior incremento, en especial ao norte da illa de Fogo, e as áreas de maior altitude da illa de Santiago, con entre 100 e 150 mm máis. Pola contra, nas illas de Barlovento, a precipitación non mudou entre ambos subperíodos, ou incluso diminuíu lixeiramente en áreas concretas da illa de São Nicolau coma o Parque Natural do Monte Gordo, onde choveron 10 mm menos, un cambio desprezable.

Drago (Dracaena drago) no Parque Natural de Monte Gordo (illa de São Nicolau).

Coma xa indicamos, o réxime pluviométrico caboverdiano está claramente marcado por dous períodos ben característicos, unha curta estación húmida que dura catro meses (xullo a outubro), e unha estación seca que se prolonga durante os restantes oito. Para o caso da estación seca non se observan cambios destacables entre os subperíodos avaliados, con desprezables descensos na precipitación media en áreas de barlovento das illas de São Nicolau e Fogo, e intranscendentes aumentos nas illas orientais.

Pola contra, a estación húmida concentra a maior parte do aumento experimentado na variable (ver mapa do visor). Este incremento foi de 38 mm de media espacial para o conxunto do arquipélago, variando entre os preto de 200 mm de áreas do norte da Illa de Fogo, ata os 150 mm de áreas de medianías da illa de Santiago. No resto do arquipélago o incremento foi intranscendente.

As precipitacións de tipo convectivo ademais soen ter carácter torrencial e polo tanto son conducentes a procesos de degradación do solo por erosión hídrica. Cabo Verde presenta unha notable vulnerabilidade á erosión froito ademais da tipoloxía de solo e características do relevo.

Poboación de palmas (Phoenix atlantica) na illa de Boavista.

Para avaliar a capacidade erosiva da precipitación foi utilizado o Índice Modificado de Fournier (IMF). O IMF experimentou un cambio relevante en diversas áreas do país entre os períodos avaliados,. Concretamente destacan áreas da illa de Fogo onde se atopa un incremento do 80% entre períodos ou áreas interiores da illa de Santiago con un incremento de ata 65%. Así pois, áreas que durante o clima precedente estaban dominadas por unha erosividade moderada convertéronse durante o clima actual en áreas de erosividade alta ou moi alta. En concreto a área ocupada por un tipo de erosividade alta pasa de ocupar un 9% do territorio a un 22%, mentres que a tipoloxía de erosividade moi alta, que non tiña presencia durante o período 1991-2005, pasa a ocupar un 10% do territorio no período 2006-2020.

Aproveitamento da leña de espinheira (Prosopis juliflora) no concello de Tarrafal (illa de Santiago).

Con todo, os datos de precipitación e índices derivados deben ser interpretados con cautela posto que a variabilidade intrínseca desta variable, especialmente nos climas de tipo tropical seco, fai máis difícil detectar os cambios por mor de non dispor dunha serie de precipitacións máis longa. Non obstante, a evidencia no cambio térmico experimentado é conducente a un aumento na evapotranspiración, feito que ten repercusións negativas sobre o balance hídrico e polo tanto na dispoñibilidade de auga.

Ao mesmo tempo, subliña a necesidade de ampliar a rede de estacións meteorolóxicas do INMG e a necesidade de profundar na investigación e implementar un plan de vixilancia do cambio climático en Cabo Verde, ou alternativamente, un plan de vixilancia da seguridade hídrica para o país.

INTERACTIVO – Visor cartográfico do Risco de erosión do solo polo cambio climático nos Espazos Naturais Protexidos de Cabo Verde: visualizar o mapa premendo o  botón de pantalla completa.

 

Riscos e adaptación ao cambio climático en Cabo Verde

Pola súa condición de pequeno estado e insularidade, Cabo Verde ten grandes retos por diante no ámbito da planificación e adaptación ao cambio climático. A escaseza de auga é un dos principais problemas aos que se debe facer fronte, especialmente tendo en conta a aposta polo sector turístico que se ven manifestando na última década.

O impacto do cambio climático nas illas é variable e está asociado a condicións extremas, subida do nivel do mar e posibles danos costeiros, entre outros efectos, o que pon en risco a fráxil economía do país.

Promover a seguridade hídrica é crucial segundo a ONU, que precisamente proclamou o período 2018-2028 Decenio Internacional para a Acción «Auga para o Desenvolvemento Sostible» co fin de fomentar a cooperación para abordar os desafíos relativos aos recursos hídricos. O V Plan director da cooperación galega (2023-2026) promove a investigación e a participación de axentes da lusofonía, e a difusión dos resultados á cidadanía.

O principal obxectivo do proxecto CLIMACAVE foi xerar un coñecemento científico do cambio climático recente na República de Cabo Verde, coma base para o desenvolvemento de políticas públicas orientadas á adaptación. Foi realizado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible,  e conta co financiamento da Xunta de Galicia (Subdirección Xeral de Cooperación Exterior) como Administración pública promotora.

Un dos obxectivos do Proxecto CLIMACAVE foi contribuír nas estratexias de adaptación do país e dotarnos de coñecemento sobre os riscos asociados ao cambio climático recente. Para abordar dita meta os visores cartográficos convértense nunha ferramenta excelente.

Expansión urbana non planificada nos arredores de Praia (isla de Santiago).

Foron avaliados diferentes riscos sectoriais ante o cambio climático observado mediante a combinación da probabilidade de impactos do mesmo e a vulnerabilidade da poboación ou do territorio. Construíronse categorías de risco ante diferentes ameazas, e sintetizáronse en tres visores: (1) visor do risco para a poboación ante o aumento dos días de calor extremo polo cambio climático nos concellos de Cabo Verde; (2) visor do risco de seca polo cambio climático nos lugares, vilas e cidades de Cabo Verde, e (3) visor do risco de erosión do solo polo cambio climático recente nos Espazos Naturais Protexidos de Cabo Verde. A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) recomenda aos estados dispoñer de datos climáticos de calidade e cartografía que permita facer un seguimento do clima nun escenario incerto de clima cambiante.  A información climática é crucial para promover a seguridade hídrica segundo a ONU.

Cabo Verde, grazas ao proxecto CLIMACAVE, conta na actualidade con información cartográfica sobre numerosas variables e indicadores para o período de normais climáticas 1991-2020 (o recomendado pola OMM coma período climático actual), así coma información relevante sobre as principais tendencias das temperaturas no país e o cambio climático experimentado nas últimas décadas.

INTERACTIVO – Visor cartográfico do Risco para a poboación ante o aumento dos días de calor extremo polo cambio climático nos concellos de Cabo Verde: visualizar o mapa premendo o  botón de pantalla completa.

 

O proxecto CLIMACAVE contribúe a un mellor coñecemento do clima e do cambio climático local na República de Cabo Verde en liña coa Axenda 2030 das Nacións Unidas. Contribúe a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) no marco da Axenda 2030. En especial ao ODS 13, Acción polo clima, que promove combater o cambio climático e os seus efectos. O ODS 13 esixe involucrar a todas as Administracións e actores da sociedade civil, e en particular do ámbito científico, na tarefa de adaptación multipropósito, transversal e multisectorial que afecta, entre outros aspectos clave, tanto á demanda de auga dos ecosistemas como á provisión de servizos ecosistémicos de abastecemento de auga para consumo humano, turismo ou agricultura. Tamén ao ODS 6, Garantir a dispoñibilidade e a xestión sostible da auga e o saneamento para todos, que contribúe á consecución dos outros ODS da Axenda 2030 da ONU ante ao cambio climático. O proxecto CLIMACAVE tamén contribúe ó ODS 15, Xestionar de forma sustentable os bosques, loitar contra a desertificación, deter e investir a degradación das terras e frear a perda de biodiversidade.

O proxecto CLIMACAVE foi levado a cabo en colaboración ou apoio de tres axentes de cooperación caboverdianos: a Universidade de Cabo Verde (UniCV), o Instituto Nacional de Meteorologia e Geofisica (INMG) e o Instituto Nacional de Gestão do Territorio (INGT). Asenta as bases para a avaliación e o seguimento do cambio climático en Cabo Verde. É tamén froito do compromiso da Fundación Matrix coa investigación aplicada e cos ODS.

A estratexia de cooperación da Universidad de Vigo e a UniCV establece entre outros obxectivos: promover a investigación aplicada ligada aos ODS; transferir os resultados da investigación ás institucións caboverdianas para a implementación de políticas públicas, especialmente para a adaptación ao cambio climático e a difusión á sociedade; e proporcionar asistencia científico-técnica para a os ODS de interese para a Cooperación Galega e outros axentes de cooperación.

 

Metodoloxía

Foron utilizados datos climáticos de 27 estacións termométricas e pluviométricas pertencentes á rede de estacións do INMG caboverdiano. Os datos subministrados pertencen ao período 1991-2020 e primeiramente sometéronse ás series climáticas a procesos de homoxeneización para cubrir lagoas e datos faltantes. O proceso de homoxeneización levouse a cabo mediante o paquete CLIMATOL. Para a avaliación do cambio climático recente modelizáronse as diferentes variables para os períodos 1991-2005 ‘clima pasado’ e 2006-2020 ‘clima recente’ e posteriormente elaborouse cartografía do cambio producido entre ambos subperíodos. Para unha mellor modelización das variables climáticas e pola ausencia de datos de estacións de altitude no arquipélago de Cabo Verde foi necesario acudir á rede de estacións da AEMET nas Illas Canarias. Para a modelización estatística e espacial utilizouse un kriging universal incorporado a latitude, lonxitude e altitude como variables auxiliares sobre unha malla de 1 x 1 km que cubre o conxunto do territorio do arquipélago e posteriormente unha interpolación espacial adicional de 100 x 100 m mediante Sistemas de Información Xeográfica (SIX).

 

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix

Mtr. Alberto González, Investigador da Fundación Matrix

Mtr. Francisco Mora, Profesor de Estatística da Universidade de Vigo e Investigador da Fundación Matrix

Gdo. Francisco Silva, Profesor de Horticultura da Escola Superior de Ciências Agrárias e Ambientais da Universidade de Cabo Verde

 

Artigo divulgativo do Proxecto CLIMACAVE ‘Avaliación espacial do cambio climático recente na República de Cabo Verde: bases para a adaptación’, realizado pola Universidade de Vigo e a Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible coa colaboración da Universidade de Cabo Verde e o Instituto Nacional de Meteorologia e Geofisica (INMG), e con apoio do Instituto Nacional de Gestão do Territorio. Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de Universidade de Vigo e a Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia.

Clima de Cabo Verde: un conxunto de matices espaciais

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies