08 Dic Cambio climático recente no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e súa área de influencia #2

CAMBIO CLIMÁTICO

Cambio climático recente no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e súa área de influencia

O cambio climático é unha realidade incuestionable e o seu seguimento un deber da comunidade científica, especialmente relevante nos espazos naturais protexidos. O proxecto CLIMILLAT, desenrolado pola Fundación Matrix, avalía por primeira vez o cambio climático local e recente no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e os concellos da súa área de influencia: Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira. Descríbense os cambios acontecidos a través da cartografía de alta resolución, que nos permite chegar a detectar pequenos detalles que se escapan ás tradicionais resolucións dos modelos de proxeccións de cambio climático. CLIMILLAT conta con financiación da Consellería de Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e a Red de Parques Nacionales. Ten coma fin último facer chegar os resultados desta investigación pioneira ao conxunto dos centros educativos de bacharelato da súa área de influencia mediante actividades de difusión e concienciación.

A evidencia científica ratifica que o cambio climático antropoxénico é inequívoco. O último informe do Panel Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (máis coñecido por o acrónimo en inglés IPCC) confirma cambios no clima da Terra en tódalas rexións e no sistema climático no seu conxunto. Moitos dos cambios observados no clima non teñen precedentes en miles, senón en centos de miles de anos, e algúns dos cambios que xa se están producindo, como o aumento continuo do nivel do mar, non se poderán reverter ata dentro de varios séculos ou milenios. As proxeccións da temperatura global, valor medio de toda a superficie do planeta, mostran que o clima futuro será máis cálido.

É probable un incremento da temperatura global de 1,5 ºC a 4,5 ºC ata final de século XXI (2081-2100) respecto ao período 1986-2005 (rango de valores do incremento máximo segundo distintos escenarios de emisións).

Estes cambios que observamos a nivel global tamén se están a producir en Galicia. Tamén no Parque Nacional das Illas Atlánticas e nos concellos da área de influencia?

Estación meteorolóxica da Illa de Ons.

Existen poucos estudos que se centren en avaliar algo máis que o cambio experimentado na temperatura e outras variables en estacións puntuais. A maior parte deles afondan nas consecuencias do quecemento a futuro baseados nas proxeccións sobre cambio climático a nivel rexional que estudan o clima a futuro, se ben con incertezas importantes.

O Servizo Meteorolóxico da Xunta de Galicia (Meteogalicia) conta con tres estacións meteorolóxicas no medio terrestre. Só a situada nas Illas Cíes tivo unha estación de tipo manual dende 1998 ata 2008, e hoxe conta con unha automática dende 2005. Nas illas de Ons e Sálvora hai estacións que xeran datos dende 2005 e 2006.

Dispoñer de información científica sobre a magnitude do cambio climático local é fundamental para a xestión e conservación deste Parque, e imprescindible para avaliar posibles impactos ecolóxicos. Existen algúns estudos que apuntan á posible influencia do cambio climático nalgunhas especies de plantas e animais do Parque Nacional. Pola contra, non existía un estudo espacial do cambio climático neste Parque nin representativo dun período suficientemente longo.

O proxecto CLIMILLAT aborda, por primeira vez nun parque nacional de España, este déficit de coñecemento espacial sobre o cambio climático local e recente. Pretende concienciar dende un punto de vista do cambio climático real  (acontecido), mediante a xeración de cartografía de alta resolución espacial a partir de datos reais de centos de estacións meteorolóxicas sitas en Galicia e outros puntos de España. Esta metodoloxía permítenos observar canto e onde mudaron as diferentes variables climáticas no noso territorio, e ademais a unha excelente resolución espacial (100 x 100 m). Coñecer a realidade do cambio climático vivido, saber como mudou nas últimas décadas é imprescindible para avaliar as proxeccións e ver cal dos escenarios estamos a seguir e, por outra banda, para adecuar as políticas de adaptación aos impactos esperados nun territorio determinado.

A cartografía xerada permite observar a gran detalle os cambios en variables tan importantes coma as temperaturas máximas, as mínimas, a precipitación e indicadores de extremos climáticos como os días de calor ou os días de frío extremo. Canto se reduciron os días con xeada nos últimos anos? Son máis cálidos os finais de verán na actualidade? Estas son algunhas das preguntas as que da resposta CLIMILLAT.

O Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) coordina as actuacións da Rede de Seguimento do Cambio Global, que inclúe o cambio climático, e promove a investigación, avaliación e seguimento na Rede de Parques Nacionais, cuxo primeiro obxectivo é coñecer os seus impactos. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) xestiona as distintas estacións meteorolóxicas e a calidade dos datos facilitados. A Oficina Española de Cambio Climático (OECC) apoia a avaliación dos impactos e vulnerabilidade, a adaptación e a súa difusión. Nesta Rede tamén participa a Fundación Biodiversidade e colabora Meteogalicia.

O Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) do Parque, no seu Programa de Investigación, Seguimento e Avaliación, contempla o seguimento do cambio climático. O PRUX tamén promove a protección do deterioro do estado de conservación dos ecosistemas terrestres “no que respecta ás súas necesidades de auga”, e a colaboración con institucións implicadas na adaptación ao cambio climático.

Illas Cíes.

 

O clima do Parque e os concellos da súa contorna

O clima, defínese como a media do conxunto de condicións atmosféricas que caracterizan a un lugar determinado ao longo dun espazo de tempo concreto. Xeralmente, en climatoloxía, utilízanse series de coma mínimo 10 anos para poder observar características térmicas nun lugar, se ben, para o caso das precipitacións non soen ser suficientes 10 anos, froito da variabilidade natural do propio elemento. Polo tanto, para o estudo do clima e a súa variabilidade, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) recomenda xerar as denominadas ‘normais climáticas’, que se corresponden con períodos de tempo de coma mínimo 30 anos, co fin de definir as singularidades climáticas dunha rexión dada. As normais climáticas son os valores medios da temperatura, humidade, precipitación, evaporación, etc. calculados cos datos observados destas variables durante un período longo e relativamente uniforme.

O clima, está formado por factores, elementos e a súa interacción. Os factores do clima son aqueles que actúan conxuntamente e definen as condicións dunha zona terrestre relativamente ampla (latitude, altitude, distancia ao mar, continentalidade, a circulación xeral atmosférica…).

Os elementos definísense coma toda propiedade ou condición da atmosfera cuxo conxunto caracteriza ó clima dun lugar ao longo dun período de tempo suficientemente representativo. (insolación, temperatura, presión atmosférica, vento, chuvia…).

O medio terrestre do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e a súa contorna, pola súa situación en latitudes medias, pertence aos denominados climas temperados, caracterizados pola variabilidade interanual e coas estacións meteorolóxicas ben definidas. A súa posición na costa oeste continental, e a súa veciñanza ao océano Atlántico, serán os factores fundamentais do clima local o subrexional. Outro factor decisivo será o relevo, que inda que presente altitudes discretas será outro dos grandes condicionantes dos caracteres tanto térmicos coma pluviométricos coma veremos a continuación. Xunto a estes, a dinámica atmosférica, caracterizada pola presenza dos denominados ventos do oeste, típicos destas latitudes e que aportan humidade ao longo de todo o ano.

En conxunto o clima rexional e de tipo oceánico, caracterizado por un importante volume de chuvias que ronda os 1.700 mm anuais de media espacial, ben repartidos ao longo do ano, inda que con importantes matices e un claro descenso das chuvias durante a época estival, que proporciona un matiz de tipo mediterráneo. As precipitacións son menores nas illas do Parque que na costa continental, pola súa menor altitude media e o efecto de insularidade.

As temperaturas son en conxunto suaves, sen grandes oscilacións térmicas anuais. O océano, e a súa escasa amplitude térmica, condicionarán a presencia de veráns e invernos suaves nos que os extremos térmicos terán escasa presencia.

A temperatura media sitúase nos 14 ºC, sendo un réxime térmico cálido dominante nas áreas propiamente litorais. Nas áreas máis elevadas a temperatura sitúase entre os 12 ºC e os 14 ºC, dominando un réxime de tipo temperado.

Para estudar o cambio climático local neste territorio, consideramos dúas normais climáticas. Exploramos as diferenzas nas variables climáticas entre dous períodos climáticos, un correspondente ao clima pasado (1961-1989) e outro representativo do clima actual (1991-2019).

Estaleiros e zona urbana adxacente ao Porto de Vigo. Ao fondo a Illa Sur ou Illa San Martín, parte do arquipélago das Cíes que forma parte do Parque das Illas Atlánticas.

Quecemento con matices: temperatura mínimas e máximas

As altas concentracións de gases de efecto invernadoiro froito das emisións de orixe antropoxénico están a ter repercusións directas no sistema climático, reforzando o efecto invernadoiro natural. Aínda que o lugar de emisión destes gases non é relevante para o cambio climático, a pegada de carbono dos catro concellos da área de influencia socioeconómica do Parque ilustra a dimensión do problema: arredor de 250.000 toneladas de gases ao ano procedentes do transporte e do sector residencial.

O quecemento global é unha realidade que tamén afecta ao Parque Nacional Marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e aos catro concellos da súa área de influencia socioeconómica (Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira).

A temperatura media anual experimentou un incremento espacial medio que se sitúa en torno aos 0,7ºC no conxunto dos catro concellos. Este incremento é homoxéneo na área de estudo sen un patrón xeográfico definido. A temperatura media é o indicador por excelencia utilizado para observar o cambio climático, se ben é un dato que non permite observar tódolos matices. Por iso, é relevante facer unha análise da temperatura media anual das máximas e das temperatura media das mínimas por separado, o que nos permitirá avaliar se o cambio climático está a ter máis repercusións nas temperaturas nocturnas ou nas diúrnas.

Hoxe son máis cálidos os días? E menos frías as noites? Son preguntas que poderemos contestar analizando ditas variables. A Figura 1 indica a media espacial do cambio en ambas variables para os arquipélagos que o conforman o Parque (Figura 1a) e no conxunto do territorio dos concellos da súa área de influencia (Figura 1b).

Figura 1. Cambio observado na temperatura media anual entre os períodos 1991-2019 e 1961-1989, en vermello a temperatura media máxima, en rosa a temperatura media mínima. (a) Arquipélagos do Parque e (b) territorio total dos concellos.

Observamos claramente un relevante contraste entre o cambio acontecido na variable temperatura mínima e a variable temperatura máxima. A temperatura mínima é sen dúbida a que experimenta un maior cambio. O arquipélago que experimenta un maior incremento é o de Cortegada (pertencente ao concello de Vilagarcía) onde o cambio na temperatura mínima supera os 0,8 ºC. O resto de arquipélagos roza dito valor.

Pola contra, a media das temperaturas máximas experimenta un incremento de menor magnitude, e ronda os 0,5 ºC no conxunto dos arquipélagos. Sen dúbida, o quecemento observado nótase máis no aumento das temperaturas nocturnas que nas diúrnas en toda a zona estudada.

Este feito pode ter explicación nun dos fenómenos máis coñecidos na climatoloxía urbana: a denominada illa de calor. A urbanización do territorio ten efectos sobre a climatoloxía local. A presenza de superficies artificiais (edificacións, superficies asfaltadas das rúas…) e os sistemas de climatización nos edificios, repercuten na temperatura ambiental dos centros urbanos. Este fenómeno local tradúcese en que as áreas urbanas acadan temperaturas máis elevadas que as áreas da periferia ou áreas rurais circundantes.

Praia de Coroso e área portuaria, Ribeira. Fonte: Google Earth

Canto maior sexa a urbe e maior a súa poboación, máis importantes serán os contrastes entre as áreas centrais das cidades e vilas e as áreas da periferia. A illa de calor afecta especialmente ás temperaturas mínimas. Se ben este efecto é especialmente significativo nas grandes áreas urbanas, pode ter repercusións nas vilas e cidades medias de Galicia, inda a magnitude será máis discreta. Por iso, o proceso de urbanización experimentado nas Rías Baixas nas últimas décadas tamén pode explicar un cambio na temperatura media mínima que case duplica ao observada na media máxima.

Illa de Cortegada (Vilagarcía de Arousa).

 

Finais de verán máis cálidos

Os días de verán son un bo indicador de cambio climático. Nas latitudes de Galicia están considerados coma días cálidos aqueles nos que a temperatura máxima dunha xornada acade ou supere os 25ºC. Neste estudo centrámonos en estudiar o cambio acontecido entre os períodos 1961-1989 e 1991-2019 no número medio de días cálidos no mes de setembro. Este mes é clave, por representar o final da tempada estival e o comezo do outono, un mes de transición que nos da información valiosa acerca do comportamento dos días cálidos ao comezo da nova estación.

INTERACTIVO – Visor cartográfico: visualizar el mapa pulsando el botón de pantalla completa

É máis cálido o inicio do outono no clima actual fronte ao clima pasado? A resposta é afirmativa. Os días de verán en setembro aumentaron de xeito notable entre os períodos, tal e como podemos ver nos mapas do visor cartográfico adxunto. Destaca o caso das Illas Cíes, cun incremento de tres días e, especialmente, a área urbana de Vigo onde practicamente se duplicaron, con cinco días máis de media no clima presente que no clima pasado. No clima pasado a probabilidade de atopar un día con máis de 25 ºC en setembro no centro urbano era do 20%, no clima actual esa probabilidade aumentou ata o 37%.

No caso dos arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada, falamos dun incremento de menor magnitude, de entre dous e tres días. En liñas xerais observamos un patrón que indica que o aumento na frecuencia de días cálidos é máis acentuado no sur, e o máximo a atopamos no centro urbano de Vigo, feito que posiblemente estea relacionado co xa mencionado efecto illa de calor urbana.

As temperaturas máis altas e un verán máis longo, por exemplo, favorecen o crecemento da uña de gato, por iso é apremiante o labor de control e erradicación desta planta exótica presente no Parque, tal e como prevé o PRUX, para protexer a biodiversidade.

 

Invernos máis suaves e menos extremos

Para analizar o comportamento das temperaturas nesta estación centrámonos en dous indicadores fundamentais. Por un lado, a temperatura mínima extrema, entendida como a temperatura limiar a partir da cal podemos considerar unha xornada coma de frío extremo. Por outra banda, a temperatura media mínima do mes de xaneiro, tradicionalmente o mes mais frío nas nosas latitudes.

Outro bo indicador para observar o quecemento do clima nos últimos 60 anos é a temperatura mínima extrema do inverno. Os extremos térmicos son pouco frecuentes nun clima oceánico, froito da acción termorreguladora que proporciona o mar. Non obstante, a intrusión de masas de aire polares continentais e árticas, que adoitan ter máis frecuencia durante os meses de inverno, poden provocar episodios de frío extremo conducentes a vagas de frío.

En climatoloxía para a detección das temperaturas extremas utilízanse os denominados percentiles. O  percentil é unha medida de posición usada en estatística que indica, unha vez ordenados os datos de menor a maior, o valor da variable por baixo do cal se atopa unha porcentaxe dada de observacións nun grupo. Por exemplo, o  percentil 5 é o valor baixo o cal se atopan o 5% das observacións, mentres que o 95% restante son maiores. Para o caso das temperaturas mínimas en climatoloxía adóitase a utilizar o percentil 5 ou o percentil 2 das temperaturas mínimas diarias durante os meses do inverno meteorolóxico (decembro, xaneiro febreiro). Este procedemento permite detectar o valor da temperatura mínima a partir da cal se pode considerarse unha xornada coma extremadamente fría (temperatura limiar de frío).

No período 1961-1989 o rango de variación de temperatura mínima extrema movíase entre os –4 ºC das áreas máis elevadas por riba dos 600 m (Serra do Galiñeiro en Vigo ou montes do Barbanza en Ribeira) aos –1 ºC nas áreas puramente costeiras e arquipélagos do Parque. No período 1991-2019 o rango de temperatura limiar de frío extremo atópase entre os –2ºC das áreas máis elevadas e os 2ºC das áreas urbanas e costeiras, o que supón un aumento en moitos casos de 2ºC.

Na Figura 2a móstrase esta realidade para o conxunto dos arquipélagos e nos concellos da área de estudo (Figura 2b). A magnitude do cambio experimentado é sobresaínte, e supera o valor de 1 ºC en tódolos casos e aproxímase aos 2 ºC en áreas concretas.

Figura 2. Cambio observado na temperatura media das mínimas en xaneiro (azul claro) e o limiar de frío extremo (azul escuro) entre os períodos 1991-2019 e 1961-1989. (a) Arquipélagos do Parque e (b) territorio total dos concellos.

Destaca especialmente o aumento experimentado no caso do arquipélago de Sálvora cun incremento de temperatura limiar de frío extremo que sobrepasa a barreira dos 1,4 ºC, seguido de Ons, Cortegada e Cíes, con 1,2 ºC. No que se refire a media espacial dos concellos, é dicir, no conxunto do territorio do concello que comprende o seu arquipélago, Ribeira encabeza o ranking, cun incremento de 1,8 ºC,  seguido de Vigo con 1,6 ºC. Xustamente no concello de Vigo é onde se atopa o máximo aumento da temperatura limiar de frío extremo dentro da área de estudo. Este máximo é de 2,5 ºC e acádese no centro urbano. Este feito evidencia o efecto da illa de calor urbana sobre a temperatura mínima, e especialmente significativo para o caso do limiar de frío extremo. A diferencia entre o centro urbano e as áreas circundantes achégase a 1,5 ºC nalgúns casos.

Tradicionalmente nas latitudes medias do hemisferio norte o mes máis frío do ano correspóndese co mes de xaneiro. É neste mes cando adoitan a ter lugar con maior frecuencia as invasións polares continentais e árticas causantes das vagas de frío. A presenza de anticiclóns de bloqueo e de subsidencia e estabilidade atmosférica, xunto cunha menor radiación diurna, favorecen que neste mes as temperaturas mínimas acaden os valores máis baixos do ano.

O quecemento afecta a toda a área de xeito homoxéneo cun incremento de media espacial de 0,8 ºC. O arquipélago de Cortegada, con 0,9 ºC, experimenta o maior incremento térmico no mes de xaneiro, seguido de Sálvora, Ons e Cíes, todos eles arredor dos 0,8 ºC. Os invernos son máis mornos na área de estudo.

Este quecemento, por exemplo, podería afectar o inicio e a duración do período de floración das especies de plantas dunares do Parque.

Illa de Ons (Bueu).

 

Sen cambio nas precipitacións

Non observamos cambios significativos no conxunto do Parque, nin nos concellos da súa área de influencia. Falamos dun descenso de entre 0 e 50 mm na media anual, o que en termos relativos supón unha redución menor ao 2%. Esta variación é insignificante nun contexto climático oceánico, no que a precipitación total anual ronda os 1.800 mm.

A variabilidade, inherente á precipitación, responde a patróns máis complexos e precisa series temporais especialmente longas para a súa avaliación óptima. Non se observa unha diminución na precipitación total anual media salientable. Non obstante, isto non quere dicir que o cambio climático non está a afectar aos recursos hídricos dispoñibles. A subida da temperatura ten repercusións directas sobre a dispoñibilidade da auga xa que afecta de xeito directo na evapotranspiración. Polo tanto, existen riscos nos hábitats das zonas de influencia das 29 fontes existentes no Parque. Ademais, a Fundación Matrix detectou un incremento da frecuencia anual e intensidade de eventos de seca asociado ao cambio climático na demarcación hidrográfica Galicia Costa.

Salamandra común.

A salamandra común é un exemplo das tres especies de anfibios aínda presentes nalgunhas illas do Parque que requiren humidade, e son vulnerables se o hábitat se fai máis seco.

É convinte afondar e realizar unha análise interanual e avaliar os cambios a nivel mensual e estacional das precipitacións para detectar potenciais cambios na súa distribución anual e na escasez de auga climática. Os impactos hidrolóxicos do cambio climático poden ter tamén efectos sobre as especies e comunidades vexetais e os procesos dos ecosistemas, como a transpiración e a produción primaria, por exemplo. Neste sentido, a substitución das plantacións de eucalipto presentes no Parque, tal e como prevé o PRUX, son convenientes porque mellorarían a dispoñibilidade de auga ademais de restaurar a biodiversidade.

Imaxe de Toni Arribas realizada na I Conferencia Ibérica de Adaptación ao Cambio Climático ‘Adaptes’.

 

Trasladar o coñecemento do cambio climático ás aulas

O coñecemento e a concienciación son fundamentais para a adaptación ao cambio climático, e esta realidade foi subliñada na I Conferencia Ibérica de Adaptación ao Cambio Climático ‘Adaptes’. Das súas conclusións resumimos seis que destacan aspectos converxentes e coincidentes cos obxectivos do proxecto CLIMILLAT.

En primeiro lugar, os beneficios da biodiversidade fronte ao cambio climático xustifican a conservación dos espazos naturais protexidos: (1) a biodiversidade contribúe á adaptación ao cambio climático e ao desenvolvemento socioeconómico; (2) as áreas protexidas son lugares excelentes para desenvolver ferramentas de adaptación ao cambio climático, útiles para todo o territorio e ao servizo da sociedade, e (3) é prioritario acelerar a implantación de medidas de adaptación para evitar a perda de servizos ecosistémicos e construír a resiliencia.

En segundo lugar, necesitamos información para a adaptación: (4) é fundamental incorporar o coñecemento científico á toma de decisións. E, en terceiro lugar, a educación ambiental e a participación social son convenientes: (5) a mellora do coñecemento científico é importante para a concienciación da cidadanía, e (6) a implicación social e, sobre todo, das xeracións novas son esenciais para a adaptación ao cambio climático.

Os datos demostran que o cambio climático é unha realidade no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e nos concellos do da súa área de influencia .O proxecto CLIMILLAT ten coma propósito fundamental trasladar o coñecemento do cambio climático aos centros educativos dos concellos da área de influencia do Parque. A Fase 1 do proxecto realizouse en 2021, e a Fase 2 en 2023, en concreto unha campaña de sensibilización e concienciación mediante charlas nos centros de bacharelato. O fin e achegar o coñecemento ao sector educativo mediante a difusión dos resultados desta investigación pioneira no ámbito local.

Ademais do visor cartográfico interactivo, xerouse un atlas dixital sobre o cambio climático recente no Parque Nacional e os seus concellos de influencia, onde se pode visualizar a cartografía xerada correspondente ao clima pasado (1961-1989), clima actual (1991-2019) e ao cambio producido nas diversas variables avaliadas.

Todos estes recursos e resultados son unha base excelente para o seguimento do cambio climático e a avaliación dos seus impactos. Ademais, permiten planificar mellor a adaptación ao cambio climático local e facilitan o deseño das actuacións máis apropiadas.

Os concellos considerados son asinantes do Pacto das Alcaldías. Deben ter en conta o clima e o cambio climático na seu planeamiento urbanístico e outras actuacións de planificación e xestión. En particular, no documento e aplicación do seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), onde deben avaliar a vulnerabilidade e os riscos climáticos a nivel local. A Fundación Matrix tamén ten experiencia na avaliación local de emisións e riscos do cambio climático, e apoia á Administración local nos seus plans para mitigar as emisións e adaptarse ao cambio climático.

A Fundación Matrix e o proxecto CLIMILLAT impulsan un mellor coñecemento do cambio climático local no Parque Nacional e os seus concellos da área de influencia, grazas ao apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e a Rede de Parques Nacionais. Ademais contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas. Demostra o compromiso co ODS13, Acción polo Clima, que promove combater o cambio climático e os seus efectos. O ODS13 esixe involucrar a todas as Administracións e actores da sociedade civil, e en particular do ámbito científico, na tarefa de adaptación multipropósito, transversal e multisectorial.

Metodoloxía

Utilizáronse datos de variables climáticas de máis de 100 estacións meteorolóxicas situadas no territorio do noroeste peninsular. Proceden do Banco Nacional de Datos Climáticos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), organismo que conta cun conxunto de estacións repartidas homoxéneamente e que compren cos estándares de calidade esixidos pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). A avaliación do cambio climático recente realizouse mediante unha cartografía de variables climáticas considerado dous períodos separados de 29 anos: un período de referencia correspondente ao clima pasado (1961-1989), e un período recente correspondente ao clima presente (1991-2019). Seguindo a recomendación da OMM, os valores medios dun clima estúdanse en períodos como mínimo de 10 anos a través das denominadas ‘medias de períodos’. Estes métodos de cálculo estandarizados son fundamentais para a vixilancia do clima e a comparación espacial de tendencias. Utilizouse un Modelo Dixital do Terreo para derivar variables de altitude, latitude e distancia á costa e kriging universal –baseado en modelización por regresión lineal multivariante e interpolación espacial por kriging ordinario sobre os residuos desta–, para xerar unha cartografía de alta resolución espacial, 100 m (escala detallada) que estende os valores recollidos nas estacións a todo o territorio.

Mtr. Alberto González, Investigador da Fundación Matrix

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix

Artigo divulgativo do Proxecto CLIMILLAT, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e a Rede de Parques Nacionais.

Otros artículos:

Cambio climático recente na provincia da Coruña

Clima actual da provincia da Coruña

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies