15 Mar Cambio climático recente na provincia da Coruña

Cambio climático recente na provincia da Coruña

O cambio climático de orixe antropoxénico é global e incuestionable. Afecta directa ou indirectamente a tódalas persoas e sectores, e aos procesos naturais. Para avaliar o cambio climático recente na provincia da Coruña realizouse unha investigación pioneira das modificacións observadas a nivel local. Por primeira vez descríbense os cambios da temperatura ambiental e de precipitacións nas últimas décadas, valórase a súa relevancia e clasifican os concellos segundo categorías de cambio climático. Esta actividade forma parte do proxecto CLIMACO, cuxa finalidade é difundir novo coñecemento sobre o cambio climático e sensibilizar ao alumnado de 3º e 4º da ESO da provincia da Coruña. A Fundación Matrix desenvolve este proxecto e as intervencións educativas asociadas grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña.

O cambio climático antropoxénico é global. A evidencia científica e as proxeccións do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (máis coñecido por IPCC, o acrónimo en inglés) indican diferentes manifestacións no presente e futuro a escala global e rexional. Estas diferenzas están vinculadas ás alteracións nos patróns de circulación atmosférica e oceánica, e á distinta susceptibilidade do territorio, que depende da latitude, entre outros factores asociados ás condicións macroclimáticas.

As proxeccións da temperatura global, valor medio de toda a superficie do planeta, mostran que o clima futuro será máis cálido. É probable un incremento da temperatura global de 1,5ºC a 4,5ºC ata final de século XXI (2081-2100) respecto ao período 1986-2005 (rango de valores do incremento máximo segundo distintos escenarios de emisións). Desde 1880 xa se produciu un incremento da temperatura global de 1ºC. O cambio climático observado non é uniforme. O quecemento é maior na superficie terrestre que nos océanos, e no Ártico que na zona intertropical.

Paisaxe rural con prados e asentamentos dispersos no Concello de Neda (A Coruña).

 

Canto cambiou o clima na provincia da Coruña? A nivel rexional, en Galicia describíronse cambios ou tendencias illadas considerando os datos de estacións meteorolóxicas concretas. A estación da Coruña rexistrou un incremento da temperatura media anual de 1,4ºC durante o século XX. Con todo, non existe unha avaliación espacial ou territorial explícita da magnitude dos cambios nas últimas décadas ao longo e ancho da provincia. Por exemplo, non se sabe canto aumentou a temperatura e como varía este incremento na provincia.

O coñecemento científico do cambio climático local no territorio provincial é imprescindible para unha avaliación rigorosa dos seus impactos potenciais e implicacións. Dispoñer deste coñecemento aplicado é relevante para as iniciativas de adaptación ao cambio climático local e a sensibilización da sociedade.

A Fundación Matrix e o proxecto CLIMACO impulsan un mellor coñecemento do clima e do cambio climático local na provincia A Coruña, con apoio da súa Deputación Provincial. É unha contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas. En especial demostran así o compromiso co ODS13, Acción polo Clima, que promove combater o cambio climático e os seus efectos. O ODS13 esixe involucrar a todas as Administracións e actores da sociedade civil, e en particular do ámbito científico, na tarefa de adaptación multipropósito, transversal e multisectorial que afecta, entre outros aspectos clave, tanto á demanda de auga dos ecosistemas como á provisión de servizos ecosistémicos de abastecemento de auga para consumo humano, turismo ou agricultura.

Ademais dun atlas do clima do territorio provincial, realizouse unha avaliación nova do cambio climático recente, nos últimos 50 anos. Desde o cabo Estaca de Bares á ría de Arousa, e desde Terras de Melide ao cabo Fisterra. Descríbese no atlas do cambio climático da Coruña, un conxunto de mapas de alta resolución espacial (100 m). O cambio climático estimouse comparando a diferenza entre as medias de variables climáticas referidas ao período de referencia 1971-1990 (clima pasado) e ao período 1999-2018 (clima presente). Examináronse os cambios da temperatura e a precipitación, as dúas variables máis importantes do clima, para ilustrar a heteroxeneidade do cambio climático intraprovincial, nunha superficie de 7.950 km2.

Zonas de cultivo de eucalipto branco na costa da ría de Ortigueira, cun clima húmido e relativamente cálido.

Temperaturas medias

Observouse un incremento notable da temperatura media anual de 0,7ºC no conxunto da provincia (media espacial). Varía entre 0,6ºC e 0,8ºC e existen algúns contrastes intraprovinciais. O maior incremento observámolo nas áreas costeiras (ata 0,8ºC), en especial nas zonas urbanas, mentres que no interior provincial é de 0,6ºC como mínimo.

Tamén existe un incremento de 0,7ºC na temperatura media das máximas ao longo do ano, pero cunha variación territorial diferente. O incremento medio das máximas alcanza os 0,8ºC no interior provincial e a maior altitude. Pola contra, este valor é 0,6ºC nas áreas litorais. Este contraste probablemente está condicionado pola desigual influencia termorreguladora do océano Atlántico.

Esta realidade reflíctese nunha importante retracción da isoterma da temperatura media das máximas de 16ºC, que case desaparece do interior provincial, quedando reducida no clima presente ás áreas de máis altitude do extremo oriental. Por outra banda, a isoterma de 19ºC expándese en amplas zonas do litoral norte, onde antes estaba presente a de 18,5ºC.

A temperatura media das mínimas anual experimenta un incremento de igual magnitude para o conxunto da provincia, 0,7ºC de diferenza media entre os dous períodos. O contraste territorial é contrario ao das temperaturas medias máximas. A zona interior, neste caso, presenta os menores incrementos, de 0,6ºC, e o litoral os maiores incrementos, especialmente nas áreas máis urbanizadas como a área metropolitana da Coruña.

A extensión das áreas urbanas, froito do efecto modulador denominado illa de calor urbana, podería ter unha influencia marcada. Así, na área metropolitana e comarca da Coruña, a isoterma da temperatura media das mínimas de 9,5ºC no período 1971-1990 substitúese amplamente pola de 10,5ºC no período 1999-2018.

Durante unha onda de calor en 2013 (do 7 ao 8 de xullo), no centro histórico de Santiago rexistrouse unha temperatura de 26ºC a medianoite, tres graos máis que na periferia da cidade. Este fenómeno atribúese para o efecto de illa de calor, reforzado pola xeometría urbana e a capacidade de acumular a calor do granito, material construtivo de moitos edificios.

 

Días cálidos e noites cálidas

A comarca de Ortegal presenta amplas extensións de eucalipto, non só en zonas de monte antes cubertas de matogueiras, senón en antigas zonas de prados, uso agrario en franca regresión (Neda).

Tamén se observou un incremento notable da frecuencia de ‘días de verán’ ou calorosos, aqueles nos que a temperatura máxima é igual ou superior a 25ºC. No conxunto da provincia o incremento nas últimas décadas é de 13 días calorosos máis ao ano (media espacial). Este indicador varía entre 6 e 16 días máis ao ano, e tamén presenta algúns contrastes territoriais destacables.

O incremento medio é maior nas áreas costeiras, con incrementos de ata 16 días calorosos máis ao ano nos casos máis extremos. O interior provincial mostra maioritariamente un incremento de polo menos 10 días máis ao ano, e tan só unha pequena superficie, na parte oriental da provincia, presenta un aumento menor de 10 días anuais.

No contexto da provincia da Coruña, as temperaturas extremas non son frecuentes, aínda que en días puntuais chegouse a pasar a barreira dos 35ºC. Así, en setembro de 2020 a AEMET rexistrou unha máxima histórica, e mesmo estableceu previamente a alerta amarela por altas temperaturas, sendo as alertas de calor máis propias dos meses de xullo e agosto. O aumento da frecuencia de extremos térmicos polo cambio climático podería ser paralelo ao incremento de días calorosos.

As ‘noites tropicais’ son aquelas nas que a temperatura mínima non descende dos 20ºC. Son un excelente indicador do proceso de quecemento antropoxénico nas nosas latitudes. En conxunto pódese afirmar que, aínda que estes fenómenos teñen baixa frecuencia na provincia, manifestan un incremento notable entre ambos períodos.

Este incremento é moi desigual no territorio provincial. Afecta exclusivamente as áreas costeiras e aos vales abertos á influencia oceánica. Aumentou a superficie provincial con noites cálidas. A superficie con máis de dúas noites tropicais cambia de 458 km2 no clima pasado a 1.882 km2 no clima presente, o que supón que a superficie afectada cuadriplicouse entre os períodos considerados. As áreas do interior e de maior altitude non presentan cambios no número de noites tropicais entre os períodos estudados. O efecto da continentalidade fai pouco probable que o termómetro se manteña por riba dos 20ºC nas mínimas estivais.

Cabe destacar o maior incremento de noites tropicais observado nas áreas urbanas en relación ao efecto de illa de calor xa mencionada. É nestas áreas onde se observan os maiores incrementos de noites tropicais, chegando a triplicarse nalgúns casos o número de noites cálidas entre os períodos considerados. É este o caso da cidade de Ferrol, onde pasamos de dúas noites de media anual no clima pasado a seis no clima presente.

As altas precipitacións invernais crean escorrentías con atractivas paisaxes relacionadas coa auga, como esta fervenza no río Belelle, unha fervenza duns 45 m no límite entre os concellos de Neda e Fene.

 

Días de xeada

Outro bo indicador do proceso de quecemento no que estamos inmersos é o número de días de xeada, aqueles días nos que o termómetro rexistra temperaturas mínimas iguais ou inferiores a 0ºC. As xeadas son infrecuentes no litoral pola capacidade termorreguladora do océano, que atenúa as temperaturas mínimas. O contrario sucede nalgunhas serras altas costeiras e nas áreas do interior de altitude media, onde se observan ata un máximo de 50 días anuais de xeada.

Observouse un incremento notable da superficie provincial sen días de xeada. A superficie libre de xeadas era de 4 km2 (menos do 1% do territorio provincial) no clima pasado fronte a 1.192 km2 (15% do territorio provincial) no clima presente. En conxunto rexistrouse unha diminución media de entre 6 e 10 días de xeada menos ao ano de media espacial, sendo especialmente relevante en áreas do interior e zonas elevadas.

 

Precipitación total anual

O cambio producido na precipitación total anual é desigual no territorio e dunha magnitude relativa pouco importante. Destaca unha diminución pluviométrica no occidente da provincia, entre os 100 e 300 mm de media anual. En termos relativos e comparando coa pluviosidade do período da normal climática 1981-2018, representa un descenso en torno ao 12% nas áreas con maior cambio.

No resto da provincia a redución é menor ou mostra incrementos lixeiros, como na metade oriental da provincia, aínda que que en termos relativos apenas representa un 7% máis con respecto á media de período de referencia (clima pasado).

Por tanto, non existe un patrón espacial claro no comportamento da precipitación, ao contrario do que acontece coas temperaturas. A variabilidade, inherente á precipitación, responde a patróns máis complexos e precisa series temporais especialmente longas , para a súa avaliación óptima.

 

Avaliación do cambio climático local

Para sintetizar e representar os cambios climáticos observados, realizouse unha avaliación nos 93  concellos da provincia da Coruña. A media espacial do cambio na temperatura media anual e precipitación media en cada municipio represéntase no atlas do cambio climático da provincia da Coruña.

O cambio na temperatura media anual entre períodos mostra que os  concellos costeiros e da metade sur presentan o maior incremento, con máis de 0,7ºC na media espacial. Nos  concellos interiores, aínda que todos experimentaron aumentos, o incremento é menos acentuado, e en todos os casos menor a 0,7ºC. Estes cambios térmicos son significativos a escala climática, especialmente polo breve período no que se observaron.

 

Figura 1. Valores medios da temperatura mensual dos períodos 1971-1990 e 1999-2018. Media espacial en catro concellos da provincia da Coruña.

Figura 2. Cambio na temperatura media estacional entre os períodos 1971-1990 e 1999-2018. Media espacial en catro concellos da provincia da Coruña.

 

A Figura 1 expresa o cambio climático recente na variación anual da temperatura en catro  concellos, dous costeiros, e dous interiores, representando os valores mensuais nos dous períodos estudados. A Figura 2 expresa a magnitude do cambio térmico experimentado entre ambos períodos para a temperatura media estacional.

Lesma común en zonas de clima oceánico e outros climas húmidos do norte de España (Arion ater). Pode superar os 15 cm.

Destaca que todos os meses experimentan incrementos térmicos nos catro concellos, aínda que con contrastes espaciais relevantes na súa magnitude e distribución anual. A Coruña, e Santiago de Compostela, sitúanse como os  concellos con maior incremento en tódolos meses do ano, no extremo oposto aparece Ribeira.

O inverno meteorolóxico (decembro, xaneiro e febreiro), é sen dúbida a estación con maiores incrementos térmicos, superando 1ºC de media espacial en tres dos catro  concellos representados. Séguelle a primavera meteorolóxica (marzo, abril e maio), con incrementos que alcanzan ou superan 1ºC para todos os  concellos a excepción de Riberia, onde o incremento é entre 0,5ºC e 1ºC. Son pois ambas as estacións que presentan un quecemento de maior magnitude entre os períodos analizados.

Para o caso do verán meteorolóxico (xuño, xullo e setembro), o municipio da Coruña é o único dos catro representados que experimenta un quecemento superior a 1ºC, e Ribeira o que menor quecemento experimenta cun aumento menor a 0,5ºC. É probable que o efecto de upwelling ou afloramento de augas profundas (máis frías), froito dos habituais fluxos do nordés, e tan típico nos meses de verán nas Rías Baixas, sexa en boa parte responsable desta atenuación en áreas do Barbanza.

As canles de distribución de auga para os muíños hidráulicos constitúen un patrimonio cultural asociado ás augas fluviais da provincia da Coruña.

 

Relevancia do cambio climático recente e vulnerabilidade

Cal é a relevancia do cambio climático recente? Existe vulnerabilidade territorial e poboacional? Para valorar a importancia e transcendencia dos cambios observados, temos que considerar o contexto climático da provincia da Coruña. Dado o clima oceánico cunha temperatura media anual moderada, entre os 11ºC e 15ºC, e unha temperatura media das máximas diarias entre 15ºC e 20ºC, o impacto do incremento medio de 0,7ºC observado é limitado, aínda que podería aumentar a humidade relativa. Por tanto, o quecemento climático provincial da Coruña é moderado, con independencia dos efectos de posibles episodios de altas temperaturas e ondas de calor de frecuencia excepcional neste territorio.

Por outra banda, a alta pluviosidade do clima coruñés –máis do 80% do territorio provincial presenta unha precipitación total anual media superior a 1.400 mm–, e a súa distribución moi repartida ao longo do ano, implica que as pequenas desviacións relativas observadas, incluso as negativas de confirmarse, non son moi transcendentes. En xeral, nun clima húmido e moi húmido, o probable efecto sobre o balance hídrico climático é moi moderado. Con todo, na demarcación hidrográfica Galicia Costa detectouse un incremento da frecuencia anual e intensidade de eventos de seca asociado ao cambio climático.

Por tanto, os cambios recentes na temperatura son os máis relevantes como expresión do cambio climático provincial. Podemos focalizar nos extremos térmicos como principais indicadores do cambio climático máis relevante observado. Combinando o cambio no número medio de días cálidos e o número medio de noites cálidas, podemos clasificar os tipos de cambio climático locais –media espacial en cada municipio– acontecidos en función dá a súa magnitude. Na provincia da Coruña pódense distinguir catro tipos de cambio climático a nivel local, que reflicten unha desigual exposición territorial (ver visor).

INTERACTIVO – Visor cartográfico: visualizar el mapa pulsando el botón de pantalla completa

Os  concellos cun cambio climático notable son aqueles cun incremento medio anual de máis de tres noites calorosas e máis de 14 días calorosos. Representan máis do 50% da poboación total da provincia (615.692 habitantes en 2020) e ao redor dunha quinta parte dos concellos, situados na costa e proximidades (Figura 3). Nesta categoría atopamos  concellos como A Coruña, Ferrol, e a maior parte dos da Costa da Morte, algúns dos máis cálidos en termos relativos no marco provincial.

Figura 3. Número de concellos e poboación relativa da provincia da Coruña asentada nos mesmos por tipoloxía de cambio climático recente observado.

 

Os  concellos cun cambio climático moderado son o resto dos concellos litorais e do sur da provincia. Representan o 36% da poboación provincial (405.828 persoas) e ao redor do 40% dos  concellos. Santiago de Compostela e Ortigueira, de clima tépedo, están nesta categoría.

O resto dos  concellos presenta un cambio climático leve, excepto Toques que, cun clima local fresco, é o único municipio cun cambio moi leve. Están situados no interior da provincia, representan menos do 10% do total da poboación provincial, e son ao redor do 20% dos  concellos.

O amorodo ventureiro (Fragaria vesca) habita en prados e claros de bosques de ribeira.

A pesar de que o cambio climático recente cualifícase como notable en termos relativos nalgúns  concellos, a inherente vulnerabilidade territorial e poboacional da provincia é baixa, considerando as súas características climáticas. Esta valoración fundaméntase en que as condicións climáticas predominantes no territorio provincial propician en xeral unha menor susceptibilidade aos impactos negativos dos cambios observados. Con todo, algúns segmentos de poboación, como a poboación de persoas maiores (65 anos e máis) residente en determinadas áreas da costa presentan unha saúde máis fráxil ante os extremos térmicos.

Os resultados son unha base excelente para a vixilancia ante o cambio climático futuro e a avaliación dos seus impactos. Ademais, permiten planificar mellor a adaptación ao cambio climático local observado e proxectado na provincia da Coruña. Facilitan a identificación dos lugares, sectores e poboación máis susceptibles e deseñar as accións fronte ao cambio climático máis apropiadas, mesmo de sensibilización social. A Deputación provincial da Coruña fortalece así a súa capacidade para previr ou minimizar os efectos adversos e aproveitar as oportunidades do cambio climático presente ou futuro.

Contexto dos resultados e outras evidencias do cambio climático na Coruña

Os resultados obtidos sobre o cambio climático a nivel provincial son consistentes con outros estudos. Observouse un quecemento das augas superficiais oceánicas e da plataforma continental da costa A Coruña, de 0,53ºC por década. Este quecemento oceánico probablemente está vinculado ao quecemento terrestre detectado.

Entre 1870 e 2006, a serie de temperatura máis longa dispoñible en Galicia, na cidade da Coruña observouse un incremento na temperatura media do ao redor de dous graos. En Galicia observouse un incremento da temperatura media anual de 0,20ºC por década no período 1961-2015 (datos de 25 estacións meteorolóxicas).

Entre 1973 e 2004 observouse un incremento significativo da temperatura media anual nas cidades da Coruña e Santiago de 0,4ºC e 0,5ºC por década, respectivamente. O mesmo estudo tamén detectou unha tendencia de incremento das temperaturas máximas e mínimas medias anuais, destacando o incremento das mínimas na Coruña.

En Galicia, describíronse distintas evidencias do cambio climático nas temperaturas extremas, como un aumento dos días cálidos e as noites cálidas, e unha diminución dos días fríos e con xeada, tendencias que coinciden coas proxeccións futuras.

Un estudo entre 1973 e 2004 non detectou tendencias de cambio significativas da precipitación total anual nas cidades da Coruña e Santiago. Existen dificultades na modelización da precipitación, e unha baixa fiabilidade nas proxeccións rexionais dos modelos climáticos preditivos, que indican unha diminución na precipitación na Península Ibérica ao longo do século XXI. En Galicia prevese unha menor regularidade na súa distribución estacional, en particular menos choivas no inverno.

Métodos. Utilizáronse datos de variables climáticas de 30 estacións meteorolóxicas situadas no territorio da provincia da Coruña e áreas limítrofes. Proceden do Banco Nacional de Datos Climáticos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), organismo que conta cun conxunto de estacións repartidas homoxéneamente e que compren cos estándares de calidade esixidos pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). A avaliación do cambio climático recente a nivel provincial realizouse mediante unha cartografía de variables climáticas considerado dous períodos separados de 20 anos: un período de referencia correspondente ao clima pasado (1971-1990), e un período recente correspondente ao clima presente (1999-2018). Seguindo a recomendación da OMM, os valores medios dun clima estúdanse en períodos como mínimo de 10 anos a través das denominadas ‘medias de períodos’. Estes métodos de cálculo estandarizados son fundamentais para a vixilancia do clima e a comparación espacial de tendencias. Utilizouse un Modelo Dixital do Terreo para derivar variables de altitude, latitude e distancia á costa e kriging universal –baseado en modelización por regresión lineal multivariante e interpolación espacial por kriging ordinario sobre os residuos desta–, para xerar unha cartografía de alta resolución espacial, 100 m (escala detallada) que estende os valores recollidos nas estacións a todo o territorio.

Mtr. Alberto González, Investigador da Universidad Complutense de Madrid e da Fundación Matrix

Gdo. David Pérez, Investigador da Fundación Matrix

Mtr. Juan Carlos Hernández, Investigador da Fundación Matrix

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix

Artigo divulgativo do Proxecto CLIMACO, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible co apoio da Deputación da Coruña.

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies