05 Dic As máximas de primavera superan os 1,4 ºC polo cambio climático na Coruña

As máximas de primavera superan os 1,4 ºC polo cambio climático na Coruña

 

O cambio climático é unha realidade tamén en Galicia. Tódalas evidencias científicas mostran que a temperatura media experimentou un incremento notable no conxunto de España. O Proxecto CLIMACO, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, avalía o cambio observado con alta resolución espacial e dende unha perspectiva territorial única, a parroquial, no territorio da provincia da Coruña. O fin último foi trasladar todo este coñecemento científico ás aulas da provincia, cunha campaña de concienciación e sensibilización na que se divulgaron os principais resultados deste estudio pioneiro, que chegou de xeito directo a aproximadamente medio millar de alumnas e alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria da provincia.

 

O último informe do Panel Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (máis coñecido por IPCC, o acrónimo en inglés) confirma cambios no clima da Terra en tódalas rexións e no sistema climático no seu conxunto. Moitos destes cambios no clima non teñen precedentes en centos de miles de anos, e algúns dos impactos que xa se están producindo, como o aumento continuo do nivel do mar, non se poderán reverter ata dentro de varios séculos ou incluso milenios.

O verán do ano 2022, pasará a historia da climatoloxía europea coma un dos máis cálidos e secos dende que existen rexistros. As vagas de calor, as temperaturas anormalmente altas ou os problemas derivados da seca, puxeron de manifesto a enorme vulnerabilidade do vello continente. É necesaria a toma de medidas urxentes e a posta en marcha dos plans de adaptación con fin de paliar e minimizar os impactos do cambio climático xa acontecido.

O cambio climático é global e ten repercusións a nivel local. Galicia non foi unha excepción dentro do ámbito europeo e o verán de 2022 foi catalogado coma extremadamente cálido, segundo o informe climatolóxico que elabora Meteogalicia, cunha anomalía de 1,9 ºC respecto ao período de normais climáticas 1971-2000.  O quecemento tamén é unha realidade na provincia da Coruña e o proxecto CLIMACO, nas súas fases previas, ven de cuantificar e avaliar o cambio climático recente en diversas variables e indicadores relevantes a escala local, tamén algunhas a escala parroquial.

Nesta terceira fase o Proxecto CLIMACO segue aportando un coñecemento útil e necesario sobre a evolución do clima nesta provincia, identificando as áreas máis afectadas polo quecemento, os impactos dos extremos térmicos, así coma as vulnerabilidades territoriais e riscos para a poboación. Todo isto, dende unha perspectiva local única, a parroquial, a unidade territorial básica propia dos concellos galegos.

Dársena do Porto da Coruña.

Mediante cartografía de alta resolución espacial (100 x 100 m) avaliamos o cambio acontecido na temperatura, nos extremos térmicos e outros indicadores climáticos entre dous períodos de normais climatolóxicas (períodos de 30 anos de datos consecutivos) seguindo as directrices da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). Foron elaborados produtos cartográficos de dous períodos diferenciados, o 1961-1990 correspondente ao ‘clima pasado’,  e o 1991-2020 no que se considerou coma ‘clima actual’. Os cambios observados nas diferentes variables a nivel territorial é o que denominamos ‘cambio climático recente’.

Mediante esta metodoloxía detectamos onde mudou o clima nas últimas décadas a escala local, xerando información de gran utilidade que permitirá avaliar os impactos esperados e promover as políticas de adaptación máis adecuadas.

O obxectivo principal do proxecto CLIMACO foi trasladar todo o este coñecemento xerado ás aulas da provincia da Coruña, presentando os principais resultados deste estudo pioneiro en charlas en centros educativos da provincia. Ademais xerouse material divulgativo, coma  o Atlas do cambio climático na provincia da Coruña (Volume III), un visor cartográfico con algúns dos principais resultados da investigación, así coma material audiovisual en redes de alto impacto dentro da xuventude coa campaña ‘Gústame protexer o clima! e a ti?’ na plataforma TikTok.

Figura 1. Mapa da temperatura media mínima anual (arriba) e media máxima anual (abaixo) nos períodos climáticos 1961-1990 (‘clima pasado’) e 1991-2020 (‘clima actual’).

 

Quecemento nas últimas décadas

A Coruña é unha provincia con un clima oceánico, con temperaturas suaves e precipitacións abundantes distribuídas ao longo de todo o ano. Con todo, vive na actualidade nun clima máis cálido e o incremento térmico é unha realidade, tanto na temperatura media máxima coma na media mínima anual. Se botamos unha ollada á cartografía pertencente aos dous períodos estudiados, de seguida nos decataremos da magnitude do cambio térmico acontecido entre ambos nas últimas tres décadas (Figura 1).

No caso da media mínima anual, as isotermas máis frías retíranse cara as zonas máis elevadas do oriente da provincia, mentres que as máis cálidas experimentan unha expansión notable. Coma exemplo a isoterma do 8,5 ºC que durante o clima pasado ocupaba boa parte do litoral da Costa da Morte, e que no período correspondente ao clima actual desaparece totalmente da área costeira e queda relegada a áreas prelitorais. Destaca a isoterma dos 5,5 ºC que ocupaba unha extensión non desprezable durante o período 1961-1990 nas áreas máis elevadas dos concellos orientais e que no clima actual desaparece.

Para o conxunto da provincia asistimos a un cambio notable que se traduce nun incremento de media espacial de 0,71 ºC entre ambos períodos. As áreas costeiras son as que experimentan un cambio de maior magnitude. Destaca a área da cidade da Coruña, única área da provincia onde se superan os 0,8 ºC de quecemento. A nivel parroquial, destacan valores coma os 0,81ºC da parroquia de Liáns en Oleiros ou os 0,82 ºC de Perillo, no mesmo concello. Santa María de Brañas, no concello de Toques, presenta o valor mínimo da provincia, cun incremento de media espacial de 0,65 ºC.

Illa do Castelo, na parroquia de Liáns (Oleiros), onde a temperatura mínima incrementouse 0,81 ºC entre os períodos avaliados.

No caso da media das máximas anual o cambio experimentado no conxunto da provincia tradúcese en  0,56 ºC, se ben cun patrón espacial diferente ao das mínimas anuais.  A media das máximas experimenta os maiores incrementos nas zonas interiores e de maior altitude, onde se acadan ata os 0,65 ºC. Este valor é de entre 0,4ºC e 0,5ºC nas zonas litorais e de influencia puramente oceánica. Este contraste é resultado probablemente da influencia termorreguladora do océano Atlántico.

Observando a Figura 1 (abaixo), detectamos unha retracción relevante da isoterma dos 15,5 ºC que tiña unha extensa presenza nas zonas elevadas dos concellos orientais durante o primeiro período e que practicamente desaparece durante o segundo, quedando recluída unicamente a aquelas áreas máis elevadas do concello de As Pontes. Por outra banda as isotermas máis cálidas coma a de 19 ºC e que practicamente non tiña presenza durante o período de ‘clima pasado’ chega a ocupar extensas áreas do litoral das rías de Arousa e Muros e Noia.

 

Figura 2. Cambio estacional observado na temperatura media das mínimas (arriba) e das máximas (abaixo) entre os períodos 1961-1990 e 1991-2020.

 

Primavera ata 1,5 ºC máis cálida

Ademais do análise anual das temperaturas, por primeira vez o proxecto CLIMACO avaliou os cambios estacionais na temperatura entre os períodos definidos. Que estación experimentou un maior incremento? Onde aumentaron máis as máximas e as mínimas?

A Figura 2 mostra unha síntese dos cambios experimentados na temperatura media mínima e máxima estacional para a primavera meteorolóxica (marzo, abril, maio), o verán meteorolóxico (xuño, xullo, agosto), o outono meteorolóxico (setembro, outubro e novembro) e o inverno meteorolóxico (decembro, xaneiro e febreiro). No visor de mapas interactivo adxunto represéntase a media de cambio en cada unha das 937 parroquias da provincia da Coruña.

No caso das mínimas, a primavera é a estación na que se produce un maior quecemento cunha media espacial para o conxunto da provincia de 1,03 ºC. Non existen diferencias significativas entre áreas da provincia, se ben o quecemento é lixeiramente superior nas áreas litorais. En segundo lugar aparece o verán con 0,71 ºC de incremento de media espacial para o conxunto da provincia. O patrón espacial do cambio si presenta neste caso certos contrastes, sendo a área metropolitana da Coruña a que experimenta un maior quecemento, con 0,82 ºC. Pola contra en áreas do leste da provincia e do interior o incremento térmico é de menor magnitude (0,68 ºC).

Paisaxe rural no Concello de Boimorto, na comarca coruñesa de Arzúa.

O outono segue ao verán en canto á magnitude do cambio. De media espacial para o conxunto da provincia observamos un incremento de 0,63 ºC, que se reparte de forma heteroxénea no territorio. Existe un contraste destacado entre as áreas litorais en conxunto e en especial do Golfo Ártabro (eminentemente urbanas) e as áreas orientais. O inverno confírmase coma a estación que presenta unha menor magnitude no incremento. De media espacial sitúase en 0,39 ºC.

En canto a temperatura media máxima, a primavera meteorolóxica volve a ser a estación cun maior cambio (1,42 ºC de media espacial). A temperatura media máxima correspondente aos meses de marzo, abril e maio experimentou un cambio sobresaínte. O quecemento é bastante uniforme no conxunto da provincia, se ben na área oriental atopamos os maiores valores de cambio con ata 1,57 ºC de diferencia entre o clima pasado e o actual, coma é o caso concreto das parroquias de Paradela ou Santa Mariña de Brañas, ambas no concello de Toques.

O inverno é despois da primavera a estación que maior incremento térmico presenta cun incremento medio espacial de 0,57 ºC. As áreas interiores son as que presentan os valores máximos, con ata 0,65 ºC nas áreas máis elevadas do oriente provincial. Pola súa parte, no litoral os valores de incremento son máis discretos con entre 0,45 ºC e 0,55 ºC. O verán segue ao inverno na magnitude de cambio, e presenta un incremento medio de 0,27 ºC.

O outono é a única estación que presenta valores de cambio negativos cun descenso na temperatura máxima que se sitúa de media espacial en 0,23 ºC. Este descenso é homoxéneo no conxunto da provincia, sen detectarse ningún patrón espacial salientable.

INTERACTIVO – Visor cartográfico do cambio climático recente nas temperaturas extremas nas parroquias da provincia da Coruña: visualizar o mapa premendo o botón de pantalla completa.

 

As áreas urbanas, puntos quentes da crise climática

Coma xa puidemos observar, a alta resolución espacial dos mapas permite detectar diferenzas salientables no cambio térmico experimentado entre áreas do territorio provincial. Estas diferenzas acentúanse en áreas concretas, coma nas áreas urbanizadas de A Coruña e o conxunto do Golfo Ártabro, o cal probablemente resulta dun fenómeno local ben coñecido en Climatoloxía, a denominada ‘illa de calor urbana’, e que tradúcese nun descenso térmico dende os centros das cidades ata a súa periferia.

As áreas urbanas teñen a capacidade de producir modificacións no clima local debido á concentración da poboación, os usos do solo, e ás modificacións producidas polos diferentes caracteres térmicos de edificacións e as superficies artificiais en conxunto.  Todos estes factores modifican a temperatura no interior das urbes, o que produce un contraste entre os valores das áreas puramente urbanas e as rurais circundantes.

O fenómeno da ‘illa de calor urbana’, ten especial relevancia nas temperaturas nocturnas e nas grandes urbes, e depende da superficie total ocupada pola área urbana e a súa densidade poboacional. Ademais, é un fenómeno especialmente detectable en noites con condicións atmosféricas estables nas que a enerxía almacenada no interior da cidade é remitida á atmosfera limitando a perda de calor. Estudos recentes estimaron intensidades medias de ata 3 ºC durante os mes de verán na cidade de Zaragoza.

Figura 3. Cambio observado na temperatura media das mínimas en verán entre os períodos 1961-1990 e 1991-2020 na rexión urbana A Coruña-Ferrol.

Se ben este efecto é especialmente significativo nas grandes áreas urbanas pode ter repercusións nas vilas e cidades medias de Galicia aínda que, dado que a intensidade do fenómeno e proporcional a superficie urbanizada e a súa poboación, a magnitude será máis discreta. Inda así, o proceso urbanizador acontecido nas  últimas décadas en moitas áreas pode ser un factor a ter en conta nas diferenzas observadas entre a magnitude do cambio das temperaturas medias máximas e mínimas.

Para avaliar os efectos da illa urbana e a súa relación co cambio climático recente, xerouse cartografía do cambio acontecido na rexión urbana A Coruña-Ferrol entre os dous períodos climáticos estudiados para o caso da temperatura media mínima do verán. O verán é tradicionalmente o mes con maior estabilidade atmosférica nas nosas latitudes, polo que o fenómeno da illa de calor urbana maniféstase de xeito máis destacado.

A Figura 3 mostra o cambio acontecido, e podemos observar un claro contraste das áreas urbanas de A Coruña e Ferrol coas áreas rurais circundantes. O cambio térmico é de maior magnitude nas áreas centrais dos espazos urbanizados. A isoterma do cambio de 0,8 ºC envolve a área urbana da cidade herculina. A medida que nos desprazamos cara as áreas rurais circundantes ou cara áreas non urbanizadas do propio litoral  obsérvase unha menor magnitude no cambio, con diferenzas de ata 0,1 ºC.

 

Concienciando nas aulas da Coruña

O fin do proxecto CLIMACO foi levar e trasladar este interesante coñecemento científico ás aulas dos concellos coruñeses mediante unha campaña de concienciación e sensibilización dirixida ao alumnado de Educación Superior Obrigatoria. Achegar o coñecemento cuantitativo ao sector educativo mediante a difusión apropiada dos resultados desta investigación pioneira no ámbito local é una ferramenta de educación ambiental sobre un problema global e local. Igualmente, promover comportamentos sostibles, sensibilizar acerca da importancia da acción local e como contribuír á redución da pegada de carbono con xestos sinxelos e ao alcance de todos.

Detalle dunha charla levada a cabo no IES Rafael Puga Ramón no concello de A Coruña.

Durante esta fase do proxecto ademais actualizouse o Atlas do Clima e o Cambio Climático Recente, coa xeración do Volume III, así coma un visor cartográfico cos principais resultados a escala parroquial.

Paralelamente realizouse unha campaña de difusión dunha miniserie divulgativa que levou por título ‘Gústame protexer o clima! e a ti?’ na rede social TikTok que chegou a case 13.000 visualizacións na que se tratan conceptos chave sobre o clima e se mostraron algúns dos principais resultados da investigación climática levada a cabo.

Tódolos recursos e cartografía climática xerada son unha magnífica base para a observación do cambio climático dende unha perspectiva local así coma para detectar novas vulnerabilidades territoriais e para a poboación. Tamén permiten planificar mellor a adaptación ao cambio climático e facilitan o deseño das accións máis apropiadas por parte das Administracións.O proxecto CLIMACO realizado pola Fundación Matrix conta co apoio da Deputación da Coruña a través das súas liñas de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente. Contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas, demostrando un especial compromiso co ODS 13, Acción polo Clima, que promove combater o cambio climático e os seus efectos, e esixe involucrar a todas as Administracións e actores da sociedade civil, en particular do ámbito científico, na tarefa de adaptación multipropósito, transversal e multisectorial ante o cambio climático.

 

Metodoloxía

Utilizáronse datos de variables climáticas de máis de 100 estacións meteorolóxicas situadas no territorio do noroeste peninsular. Proceden do Banco Nacional de Datos Climáticos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), organismo que conta cun conxunto de estacións repartidas homoxéneamente e que cumpren cos estándares de calidade esixidos pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). A avaliación do cambio climático recente realizouse mediante unha cartografía de variables climáticas considerando dous períodos separados de 30 anos: un período de referencia correspondente ao ‘clima pasado’ (1961-1990), e un período recente correspondente ao ‘clima actual’ (1991-2020). Seguindo a recomendación da OMM, os valores medios dun clima débense estudar en períodos de 30 anos nas denominadas ‘normais climatolóxicas’. Estes métodos de cálculo estandarizados son fundamentais para a vixilancia do clima e a comparación espacial de tendencias. Utilizouse un Modelo Dixital do Terreo, latitude, lonxitude, así coma imaxes ráster para derivar distancia á costa e aplicouse un kriging universal –baseado en modelización por regresión lineal múltiple e interpolación espacial por kriging ordinario sobre os residuos desta–, para xerar unha cartografía de alta resolución espacial, 100 m (escala detallada) que estende os valores recollidos nas estacións a todo o territorio provincial.

 

Mtr. Alberto González, Investigador da Fundación Matrix

Mtr. Francisco Mora, Profesor de Estatística da Universidade de Vigo e Investigador da Fundación Matrix

Gdo. Víctor López, Investigador da Fundación Matrix

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix

Artigo divulgativo do Proxecto CLIMACO, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible co apoio da Deputación da Coruña

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies