15 Dic Cambio climático local na provincia da Coruña
Cambio climático local na provincia da Coruña
O cambio climático global é un dos principais retos da sociedade e ten unha dimensión tamén local. Co fin de visibilizar esta dimensión, é imprescindible un coñecemento científico rigoroso. Tamén importa trasladar ese coñecemento a todos os ámbitos da sociedade. O proxecto CLIMACO realizado pola Fundación Matrix, afronta na súa segunda fase este reto. Por primeira vez avalía o cambio climático recente a unha escala local innovadora, a parroquial, nas unidades territoriais que forman os concellos de Galicia. A través de cartografa de alta resolución espacial descríbense os principais cambios acontecidos en diversas variables climáticas no territorio da provincia da Coruña. O proxecto CLIMACO conta co apoio da Deputación da Coruña. Achega os resultados aos alumnos de bacharelato da provincia da Coruña mediante unha campaña de concienciación e sensibilización.
O cambio climático é unha realidade incuestionable. Tódalas evidencias científicas mostran que a temperatura media experimentou un incremento notable no conxunto do España e Galicia non é unha excepción. Os efectos do quecemento global aceléranse en España, e o ano 2020 foi un dos máis cálidos da década, cunha anomalía de 1,7 ºC respecto a era preindustrial. Os modelos climáticos foron capaces de reproducir fielmente o incremento térmico experimentado na última década e todo apunta a que para fin de século a temperatura estará entre 2 ºC e 5 ºC en función das diferentes sendas de emisións.
O último informe do Panel Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (máis coñecido por IPCC, o acrónimo en inglés) confirma cambios no clima da Terra en tódalas rexións e no sistema climático no seu conxunto. Moitos destes cambios no clima non teñen precedentes en centos de miles de anos, e algúns dos impactos que xa se están producindo, como o aumento continuo do nivel do mar, non se poderán reverter ata dentro de varios séculos ou incluso milenios.
Estes cambios que observamos a nivel global tamén se están a producir na provincia da Coruña. A maior parte dos estudos climáticos a nivel rexional avalían o cambio climático na temperatura a partires de datos de estacións meteorolóxicas ou afondan nas consecuencias do quecemento global baseados nas proxeccións a futuro que presentan algunhas incertezas. O proxecto CLIMACO por primeira vez afonda nos cambios producidos en diversas variables e indicadores de cambio climático dende unha perspectiva local única, a parroquial, a división territorial tradicional dos concellos galegos.
Mediante cartografía de alta resolución espacial (100 x 100 m) avaliamos o cambio acontecido na temperatura, precipitación así coma extremos climáticos de alto impacto para a poboación, coma as vagas de calor e os riscos asociados. O proxecto CLIMACO pretende concienciar dende un punto de vista do cambio climático real, xa acontecido, mediante produtos cartográficos de gran detalle espacial de dous períodos climáticos diferenciados. Un período define o ‘clima pasado’ (1961-1989), e outro o ‘clima actual’ (1991-2019). A modelización espacial do cambio acontecido entre ambos períodos define o cambio climático recente.
Esta metodoloxía permítenos coñecer canto e onde mudou o clima nas últimas décadas. Esta información é relevante e necesaria, non só como instrumento de difusión de resultados sobre o cambio climático observado, senón tamén para avaliar os impactos esperados e promover as políticas de adaptación máis adecuadas.
O fin principal do proxecto CLIMACO é trasladar todo o coñecemento xerado á comunidade educativa da provincia da Coruña mediante unha campaña de difusión e concienciación ao alumnado de bacharelato e a xeración de ferramentas que sirvan para un mellor coñecemento do cambio climático local. Entre eles, o Atlas do cambio climático recente na provincia da Coruña (Volume II), artigos divulgativos cos principais resultados desta investigación pioneira, e aplicacións de webmapping coma o visor cartográfico que aparece no presente artigo.
Contexto climático na provincia da Coruña
O clima dun lugar ou unha rexión expresa unha síntese estatística as variables meteorolóxicas observadas nun período relativamente longo, de polo menos 30 anos, tal e como recomenda a OMM (Organización Meteorolóxica Mundial).
Pola súa situación latitudinal, a provincia da Coruña pertence ás denominadas latitudes medias. O océano Atlántico e a súa influencia caracterizan un réxime térmico morno no que os extremos son pouco frecuentes. A temperatura media anual provincial (media espacial) é suave, de 13,1 ºC (período climático 1981-2010). Presenta unha variación de 11 a 15 ºC ao longo do territorio. A influencia termorreguladora do océano Atlántico condiciona estes valores. Os ventos dominantes son os do oeste, que chegan cargados de humidade procedentes do océano, onde se forman as borrascas atlánticas tan típicas durante o denominado semestre invernal (outubro-marzo). En conxunto, a precipitación total anual varía entre 1.000 e 2.000 mm, con acusados contrastes espaciais. A pluviosidade anual media na provincia é moi elevada, ronda os 1.600 mm, cun claro matiz mediterráneo froito da influencia do anticiclón das Azores durante os meses de verán. Existe un marcado mínimo pluviométrico estival, se ben sen chegar a provocar un déficit hídrico notorio ou con consecuencias relevantes sobre a vexetación. Por tanto, caracteres todos eles dun clima oceánico de fachada occidental.
Pola súas características intrínsecas podemos pensar que os climas de tipo oceánico experimentarán menores impactos nun contexto de quecemento global, debido ás precipitacións abundantes, ben repartidas ao longo do ano e escaseza de extremos térmicos tanto fríos coma cálidos, entre outras. Non obstante, a vulnerabilidade ante o cambio climático está condicionada por outros factores. Temos que ter en conta, por exemplo, que a suba da temperatura implica unha redución da auga dispoñible polo aumento da evapotranspiración e do déficit hídrico climático. Ou que a presenza de períodos de seca cada vez máis dilatados no tempo pode ter consecuencias especialmente negativas en territorios coma Galicia, onde a infraestrutura de embalses para abastecemento da demanda de auga das actividades socioeconómicas da poboación non está adaptada a eventuais períodos prolongados de escaseza de chuvias.
Deste xeito unha seca prolongada pode ter máis impactos en Galicia que noutras áreas con condicións climáticas máis áridas, áreas que pola súa condición intrínseca teñen maior capacidade de adaptación para facer fronte aos impactos dunha eventual seca. Por outra banda, a vulnerabilidade da poboación tamén é diferente entre rexións, e un aumento dos fenómenos extremos coma as vagas de calor terá máis impactos naquelas rexións cunha poboación máis envellecida e máis fráxil.
A adaptación ao cambio climático demanda pois estudos científicos que precisen como se esta a comportar o clima nas últimas décadas, non só para o seguimento do mesmo, senón coma base para deseñar as accións sectoriais oportunas ante esta realidade e a heteroxeneidade espacial dos seus impactos.
Un clima máis cálido
A temperatura é sen dúbida o tradicional elemento para a avaliación do cambio climático nunha rexión. Existen diferenzas no quecemento a nivel local? O quecemento global está a ter especial impacto nos países da área mediterránea, como evidencian os últimos modelos e informes do IPCC. Para o caso de España diversos estudos mostran que a magnitude do cambio na temperatura observado presenta unha heteroxeneidade espacial, cun claro contraste entre o incremento térmico experimentado na área puramente levantina peninsular bañada polo Mediterráneo e a fachada occidental de influencia puramente atlántica. O efecto do quecemento do mar Mediterráneo tradúcese nun impacto directo nas temperaturas das áreas terrestres adxacentes. O océano Atlántico, pola súa maior extensión e a presenza de grandes correntes termorreguladoras, experimenta menores oscilacións térmicas ao longo do ano, o que atenúa notablemente a presenza de extremos térmicos en Galicia. Non obstante, o incremento térmico é unha realidade tamén no ámbito atlántico coma veremos a continuación.
Para avaliar o cambio climático recente xerouse cartografía de temperaturas dos dous períodos climáticos definidos de 29 anos cada un, o ‘clima pasado’ e o ‘clima actual’. Mediante técnicas de análise espacial modelizáronse os cambios neste elemento climático para representar a súa variación no espazo do cambio climático acontecido.
O visor de mapas interactivo adxunto mostra o cambio recente nas temperaturas e nos extremos térmicos nas 937 parroquias da provincia da Coruña.
INTERACTIVO – Visor cartográfico do cambio climático recente nas parroquias da provincia da Coruña: visualizar o mapa pulsando o botón de pantalla completa
A temperatura media experimentou un incremento xeral en toda a provincia da Coruña (Figura 1). O incremento medio espacial provincial é de 0,65 ºC nos últimos trinta anos, noutras palabras, un incremento medio de 0,22º C por década. O clima actual é sen dúbida máis cálido e, de manter este ritmo de incremento térmico, superaremos claramente o perigroso valor de 1,5 ºC temido pola ONU para o ano 2050. O aumento é notable, a un ritmo nunca visto dende que existen rexistros.
A temperatura media é o resultado da media de dous dos indicadores climáticos por excelencia recomendados pola OMM para a elaboración das estatísticas e informes climatolóxicos, a temperatura máxima e a temperatura mínima diarias. É crucial estudar ambos elementos por separado, co fin de avaliar cal deles contribúe máis ao quecemento. Son máis cálidas as noites no clima actual?, ou pola contra, son as temperaturas máximas acadadas durante o día as que experimentaron un maior incremento?
A Figura 2 mostra un exemplo da media espacial do cambio acontecido entre os períodos avaliados dos valores medios anuais das temperaturas media, máxima e mínima diarias para unha selección de parroquias pertencentes a espazos xeográficos singulares. Luama no concello de Ortigueira (no ámbito das Rías Altas), A Coruña (pertencente ao Golfo Ártabro), Conxo no concello de Santiago de Compostela (dominio interior), Cerqueda en Malpica e Louro en Muros (ámbito da Costa da Morte), Somede no concello das Pontes (pertencente ao dominio oriental) e Taragoña en Rianxo (ámbito das Rías Baixas).
En conxunto observamos un incremento térmico das medias anuais da temperatura media, máxima e mínima, aínda que é de maior magnitude para o caso da media anual das temperaturas mínimas. Esta tendencia é especialmente salientable nas áreas costeiras coma os casos das parroquias de Taragoña (Rianxo) ou Cerqueda (Malpica), onde o incremento na temperatura mínima anual é 1,6 veces superior ao acontecido na temperatura media das máximas. Esta tendencia é común ao conxunto da provincia, non obstante o contraste é máis destacado nas áreas estritamente litorais.
O incremento medio espacial na provincia da Coruña da temperatura media das mínimas anual é de 0,76 ºC fronte ao incremento de 0,55 ºC das máximas. Noutras palabras, o incremento medio das mínimas é case un 40% superior ao das máximas.
Estas diferenzas acentúanse nas áreas urbanizadas coma A Coruña e o conxunto do Golfo Ártabro, o cal probablemente resulta dun fenómeno climático local ben coñecido en Climatoloxía, a denominada ‘illa de calor urbana’. As cidades e áreas urbanas teñen a capacidade de producir modificacións no clima local. A presenza de calefaccións en inverno, sistemas de refrixeración en verán, os edificios, asfaltos e outras superficies artificiais, son circunstancias que se traducen que se traducen nun quecemento das áreas urbanas respecto á periferia rural. Este fenómeno, que está ben documentado na literatura científica, ten especial magnitude nas temperaturas nocturnas e nas grandes urbes e é proporcional á superficie ocupada pola área urbana e a súa poboación: canto maior sexa a poboación máis intensidade terá o fenómeno da illa de calor. Estudos recentes estimaron diferencias de ata 6 ºC entre o centro e a periferia de Madrid en días concretos con boas condicións para o desenvolvemento deste fenómeno.
Se ben este efecto é especialmente significativo nas grandes áreas urbanas, pode ter repercusións nas vilas e cidades medias de Galicia, inda que dado que a intensidade do fenómeno e proporcional a superficie urbanizada e a súa poboación, a magnitude será máis discreta. Non obstante, o proceso de urbanización experimentado no Golfo Ártabro nas últimas décadas pode ser un factor a ter en conta nas diferenzas observadas entre a magnitude do cambio das temperaturas medias máximas e mínimas: o cambio nas mínimas case duplica ao das máximas.
A Figura 3 mostra o cambio acontecido na rexión urbana A Coruña-Ferrol entre os períodos climáticos avaliados para o caso da temperatura media mínima anual. Coma ben podemos observar, a magnitude do cambio é 0,1 ºC superior nas áreas máis urbanizadas e poboadas fronte as rurais circundantes.
Redución dos días fríos e aumento dos días cálidos
Vivimos nun clima en proceso de quecemento, o incremento da temperatura é só un indicador desta realidade, mais existen outras sinais inequívocas que veñen a reafirmar este feito obxectivo. Se botamos unha ollada a frecuencia anual de extremos térmicos, tanto cálidos coma fríos, de seguida nos decataremos desta realidade. Un dos indicadores utilizados tradicionalmente en Climatoloxía para o estudo dos días fríos son os denominados días de xeada, aqueles días nos que a temperatura mínima diaria acada ou baixa dos 0 ºC. O visor de mapas adxunto (premer na ligazón de cambio nos días de xeada) mostra a frecuencia anual de días de xeada a nivel provincial para os períodos 1961-1989 (clima pasado), 1991-2019 (clima actual) e o cambio producido a nivel parroquial no contexto da provincia da Coruña.
En conxunto observamos unha clara redución na frecuencia anual de días de xeada, máis relevante nas áreas do interior e especialmente nas zonas elevadas do marxe oriental da provincia. Dous exemplos son a parroquias Seoane (As Pontes), que perde máis de 8 días de xeada entre os períodos avaliados, e Paradela (Toques) con 7 días menos de media anual. Por outra banda, en áreas onde os días de xeada tiñan escasa frecuencia no clima pasado tenden a desaparecer no clima presente. Un claro exemplo o atopamos na parroquia urbana da Coruña, onde a probabilidade de atopar un día de xeada no clima presente redúcese ao 1,4% dos días do ano fronte ao 2,2% do clima pasado, pasando de 8 a 5 días de xeada anual.
A redución na frecuencia de días fríos está ademais acompañado dun aumento daqueles días de calor extremo. Un dos fenómenos extremos de gran impacto na poboación son as vagas de calor, episodios de temperaturas anormalmente elevadas durante varios días consecutivos.
O cambio climático e a saúde van da man. As persoas maiores (65 anos e máis) constitúen o grupo de poboación máis sensible ás temperaturas altas extremas. Son máis vulnerables ante as vagas de calor por factores diversos, como os cambios fisiolóxicos que ocorren co envellecemento, a prevalencia de enfermidades crónicas e dexenerativas, a frecuente dependencia ou vida sedentaria, ou a carencia de aire acondicionado nas súas vivendas; todos eles afectan á regulación da temperatura corporal. Algúns fármacos mesmo poden agravar os efectos das vagas de calor e acelerar a deshidratación, como os diuréticos e os antidepresivos. A prevalencia de enfermidades cardiovasculares, respiratorias, renais, diabetes, problemas de saúde mental ou sobrepeso son algúns dos factores de risco adicionais.
Os efectos da calor sobre a morbimortalidade son ben coñecidos. Tradicionalmente durante o verán prodúcese un pico de mortalidade, inda que de menor magnitude que o invernal. Os eventos de calor extremo teñen consecuencias nos excesos de mortalidade, ligados na maior parte dos casos, a enfermidades do sistema circulatorio.
A vulnerabilidade poboacional está estreitamente ligada co grao de envellecemento da mesma, e no caso da provincia da Coruña, a poboación de maiores supón aproximadamente unha cuarta parte do censo provincial. O seu crecemento é exponencial e especialmente máis intenso na poboación de maiores de idade avanzada (80 anos e máis), e o risco de mortalidade por calor extremo aumenta coa idade entre as persoas maiores.
Un estudo realizado do Centro Nacional de Epidemioloxía estimou unha sobremortalidade de máis de 6.000 persoas en España atribuíbles á histórica vaga de calor que asolou Europa durante o verán do 2003, principalmente poboación de idade avanzada.
En Climatoloxía para a detección das temperaturas extremas utilízanse os denominados percentiles. O percentil é unha medida de posición usada en estatística que indica, unha vez ordenados os datos de menor a maior, o valor da variable por baixo do cal se atopa unha porcentaxe dada de observacións nun grupo. Por exemplo, o percentil 95 é o valor baixo o cal se atopan o 95% das observacións, mentres que o 5% restante son maiores. Para o caso das temperaturas máximas extremas en Climatoloxía adóitase a utilizar o percentil 95 ou o percentil 98 das temperaturas máximas diarias durante os meses do verán meteorolóxico (xuño, xullo e agosto). Este procedemento permite detectar o valor da temperatura máxima a partir da cal pode considerarse unha xornada coma extremadamente cálida (temperatura limiar de vaga de calor).
Para a avaliación da frecuencia das vagas de calor na provincia da Coruña seguimos a definición que marca a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET, o organismo estatal con competencias en materia de activación de avisos meteorolóxicos de calor extremo en España). Segundo a AEMET unha vaga de calor é un episodio no cal coma mínimo un 10% das estacións de referencia supera o percentil 95 das temperaturas máximas diarias dos meses de xullo e agosto dun período climático establecido de referencia (1971-2000) coma mínimo durante tres días consecutivos.
Estes eventos, son pouco frecuentes no contexto do norte peninsular, aínda que con determinadas configuracións atmosféricas que persisten durante días, a masa de aire tropical continental africana pode chegar as nosas latitudes e producir episodios de calor extremo conducentes ás xa mencionadas vagas de calor.
Os eventos de días cálidos consecutivos son cada vez máis frecuentes, a modelización espacial do cambio entre os períodos reflexa un aumento na frecuencia de eventos dun 5,6% de media espacial na provincia da Coruña (ver mapa no visor). Un incremento de frecuencias lixeiro, non obstante, é destacable tendo en conta a excepcionalidade destes fenómenos e o estrito do criterio establecido para definir un evento coma de vaga de calor.
Os maiores incrementos os atopamos nas áreas costeiras da provincia e nas parroquias do interior sur. A parroquia da Coruña no centro urbano ou a de Luama en Ortigueira, cun incremento en torno ao 7%, son exemplos de parroquias que superan o incremento medio provincial. No extremo oposto atopamos parroquias do leste da provincia, coma Paradela no concello de Toques ou o Freixo no concello de As Pontes, que cun incremento dun 4% e 5%, respectivamente, representan as áreas con menor incremento relativo.
O coñecemento do cambio climático nas aulas
O proxecto CLIMACO ten coma finalidade principal trasladar o coñecemento do cambio climático local ás aulas da provincia da Coruña mediante unha campaña de concienciación e sensibilización dirixida ao alumnado de bacharelato. O fin e facer chegar o coñecemento científico ao sector educativo mediante a difusión dos resultados dunha investigación pioneira no ámbito local. Asemade promover comportamentos sostibles no alumnado e resaltar a importancia das accións dende o local para combater un problema de dimensións globais. A elaboración do Volume II do Atlas do Cambio Climático da provincia, ou a xeración de material audiovisual, visores cartográficos, ou artigos de difusión na web, son accións complementarias nesta campaña de concienciación e sensibilización social que acerca o coñecemento do cambio climático e os seus impactos dun xeito atractivo e novidoso para o público xeral.
Todos estes recursos e resultados son unha excelente base para a vixilancia do cambio climático local e a avaliación dos seus impactos. Ademais, permiten planificar mellor a adaptación ao cambio climático e facilitan o deseño das accións máis apropiadas por parte das Administracións.
O proxecto CLIMACO realizado pola Fundación Matrix conta co apoio da Deputación da Coruña a través das súas liñas de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente. Contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas. Demostra, en especial, o compromiso co ODS 13, Acción polo Clima, que promove combater o cambio climático e os seus efectos, e esixe involucrar a todas as Administracións e actores da sociedade civil, en particular do ámbito científico, na tarefa de adaptación multipropósito, transversal e multisectorial ante o cambio climático.
Metodoloxía
Utilizáronse datos de variables climáticas de máis de 100 estacións meteorolóxicas situadas no territorio do noroeste peninsular. Proceden do Banco Nacional de Datos Climáticos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), organismo que conta cun conxunto de estacións repartidas homoxéneamente e que compren cos estándares de calidade esixidos pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). A avaliación do cambio climático recente realizouse mediante unha cartografía de variables climáticas considerando dous períodos separados de 29 anos: un período de referencia correspondente ao ‘clima pasado’ (1961-1989), e un período recente correspondente ao ‘clima presente’ (1991-2019). Seguindo a recomendación da OMM, os valores medios dun clima estúdanse en períodos como mínimo de 10 anos a través das denominadas ‘medias de períodos’. Estes métodos de cálculo estandarizados son fundamentais para a vixilancia do clima e a comparación espacial de tendencias. Utilizouse un Modelo Dixital do Terreo para derivar variables de altitude, latitude e distancia á costa e kriging universal –baseado en modelización por regresión lineal múltiple e interpolación espacial por kriging ordinario sobre os residuos desta–, para xerar unha cartografía de alta resolución espacial, 100 m (escala detallada) que estende os valores recollidos nas estacións a todo o territorio provincial.
Mtr. Alberto González, Investigador da Universidad Complutense de Madrid e da Fundación Matrix
Mtr. Pablo Basiero, Investigador asociado da Fundación Matrix
Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix
Artigo divulgativo do Proxecto CLIMACO, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible co apoio Deputación da Coruña
Sin Comentarios