28 Oct Igualdade no emprego en Vigo: brechas de xénero

BRELA-Gal

Igualdade no emprego en Vigo: brechas de xénero 

En Vigo existe unha brecha de xénero no emprego total desfavorable para as mulleres. Informa que a probabilidade dun contrato feminino é menor que a dun contrato masculino. É un indicador da desigualdade máis apropiado que a participación relativa de mulleres no emprego. Aínda que existe unha lixeira masculinización no emprego nos sectores, existe unha heteroxeneidade no valor e signo da brecha segundo os grupos de actividades económicas concretas. A brecha de xénero crece desde 2010, unha tendencia preocupante que pode estar asociada á dinámica de contratación. Son algúns resultados do Programa de investigación BRELA-Gal, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible con apoio do Concello de Vigo. Dispoñer deste coñecemento é fundamental para promover a igualdade laboral e a inserción das mulleres no mercado de traballo.

 

Durante o Foro de Igualdade da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) celebrado en Vigo en outubro de 2022, Jorge Cebreiros, Presidente da CEP afirmou “hai que implicar ás empresas de Galicia para alcanzar a igualdade de homes e mulleres”. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mostrou a súa preocupación pola igualdade laboral efectiva xa que “é un dereito que choca coas cifras e estatísticas”, subliñando a necesidade de concienciación segundo impulsa o Goberno de Galicia.

Moitas mulleres perciben discriminación no mercado de traballo. A brecha de xénero é un indicador da desigualdade entre mulleres e homes. A brecha salarial media en España indica que as mulleres cobran uns 5.000 euros menos ao ano que os homes. É un indicador de discriminación directa.

O fin principal do Programa BRELA-Galicia (BRELA-Gal), é coñecer a igualdade de xénero no acceso ao mercado de traballo, evitando así esta forma de discriminación indirecta por razón de sexo, e contribuír a facer visible unha realidade que limita os dereitos das mulleres.Necesitamos un coñecemento cuantitativo apropiado da desigualdade de xénero no ámbito laboral para realizar unha diagnose fundamentada. Usamos como fonte de datos do mercado laboral o SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal). En particular utilizamos o conxunto total dos contratos laborais subscritos en Vigo, preto dun millón e medio no período 2010 a 2021.

A continuación expoñemos unha selección dalgúns resultados do Programa BRELA-Gal, que se ilustran con indicadores e análises estatísticos. É unha radiografía dunha realidade moi relevante en Vigo, que pode estar condicionada parcialmente por varias circunstancias socio-laborais, socio-demográficas e culturais asociadas á demanda do mercado laboral e unha economía diversificada propia de áreas de predomino urbano.

Estes resultados complementan os expostos no artigo ‘Igualdade no emprego en Vigo: participación das mulleres.

 

Concentración do novo emprego e brecha de xénero

Un estudo en Vigo en 2015 conclúe que ao redor da metade das mulleres considera que non existe ou é difícil a conciliación efectiva da vida familiar e laboral, e o 70% das mulleres percibe que a súa participación no coidado de familiares, sexan ou non menores.Este factor cultural identifícase como vondicionante da súa situación de procura activa de emprego.

O número de mulleres e homes en idade de traballar é similar en Vigo, ainda que no ano 2021, hai ao redor de 5.000 mulleres máis que homes con esta idade.

Usamos un indicador de desigualdade de xénero, o índice de concentración do novo emprego na poboación de homes ou mulleres en idade de traballar (16 a 64 anos) en 2021. A poboación en idade laboral, sen considerar que as persoas busquen ou non emprego, permite unha comparación apropiada das posibles diferenzas no acceso ao emprego entre sexos.

A brecha de xénero na contratación é a diferenza entre os índices de concentración no emprego masculino e feminino. O valor e signo da brecha informa sobre as diferenzas na probabilidade de atopar traballo entre mulleres e homes. Se a brecha é baixa –o valor é cero ou próximo a cero–, existe igualdade no acceso efectivo ao emprego de mulleres e homes, brechas de máis magnitude expresan desigualdade.

Se o signo desta brecha é negativo indica unha maior proporción de mulleres no novo emprego (emprego feminizado), e se é positivo, unha maior proporción de homes (emprego masculinizado). Calculamos a brecha para o emprego total ou en diferentes sectores e actividades económicas.

Debemos apreciar que, aínda que a brecha no emprego tamén é un indicador da desigualdade de xénero, o seu significado é diferente ao do índice de participación no emprego por sexos, que só ten en conta a proporción de mulleres ou homes que conseguen un emprego.

Figura 1. Índice de concentración do emprego total por sexos respecto a a poboación respectiva en idade laboral e brecha de xénero en Vigo en 2021.

 

A brecha de xénero no emprego total en Vigo é moderada, de 23 puntos porcentuais (Figura 1). Este valor da brecha expresa unha notable masculinización do novo emprego, é dicir, unha menor probabilidade de atopar traballo nas mulleres que nos homes.

Por tanto, ademais de menos contratos de mulleres que de homes, algo que aparece noutro artigo e na serie de vídeos, en Vigo é menor a probabilidade dun contrato feminino que dun contrato masculino.

En definitiva, é moi evidente a falta de igualdade efectiva no acceso ao emprego. Este feito ten un impacto negativo, individual e social.

Figura 2. Brecha de xénero no emprego nos sectores económicos de Vigo en 2021.

 

Brecha do emprego por sectores e actividades económicas

Existen diferenzas de brecha de xénero no emprego entre sectores e grupos de actividade económica?

A brecha de xénero no emprego dos diferentes sectores económicos indica que o novo emprego está lixeiramente masculinizado en xeral (Figura 2). Noutras palabras, a probabilidade de atopar traballo das mulleres é algo menor que a dos homes.

En Agricultura e Pesca a brecha indica case paridade no novo emprego. Na Construción a brecha é un pouco maior, no sector Servizos é algo máis acentuada, e na Industria a masculinización do emprego é máis intensa, sendo o sector con menor probabilidade de emprego para as mulleres.

Vexamos que sucede por actividades económicas máis concretas, considerando agrupacións de algunhas actividades do CNAE. No ano 2021 en Vigo, a probabilidade de atopar emprego das mulleres depende do tipo de empresa ou actividade económica. Moitos novos contratos manteñen a segregación por sexo no emprego que existe na ocupación (Figura 3).

Figura 3. Brecha de xénero no emprego nunha selección de actividades económicas de Vigo en 2021.

 

Existen contrastes no volume de emprego e unha heteroxeneidade intrasectorial, determinantes de diferenzas no signo e magnitude desta brecha que deben valorarse. Así, por exemplo, nos servizos de Transporte e almacenaxe, con ao redor de 25.000 contratos ao ano, hai unha alta masculinización no novo emprego, cunha brecha moderada (case 20 puntos). A Construción (uns 4.000 contratos) e a Industria do automóbil (15.000 contratos) presentan un emprego menos masculinizado, cunha brecha lixeira de catro e seis puntos, respectivamente.

Pola contra, o novo emprego en Hostalería (14.000) e Comercio polo miúdo (9.000 contratos) mostran unha lixeira feminización do emprego, cunha brecha de tres e catro puntos, respectivamente.

Noutros casos, por exemplo as empresas da Industria alimentaria, existe paridade, é dicir, contratan por igual homes ou mulleres.

Por tanto, o acceso ao emprego tamén depende do sector e da actividade concreta da empresa ou Administración Pública que crea emprego.

 

Tendencias na brecha do emprego

As diferenzas nas brechas sectoriais e por actividades ten unha orixe complexa e vinculada ao tamaño e estrutura sectorial da economía viguesa. En particular, pola singular importancia e dinamismo no emprego, diversificación e tipos de actividades que integran o sector Servizos e a Industria.

A brecha de xénero no emprego total crece desde 2010, desde un valor do 5% ao 23%, cunha tendencia de crecemento anual lineal de case dous puntos porcentuais (Figura 4). Excepto en Construción, a tendencia mantense por sectores, aínda que difiren no ritmo de cambio, a pesar das melloras significativas e esforzos realizados por moitas empresas e AAPP. Estas melloras son aínda insuficientes, e expresan probablemente a persistencia de estereotipos culturais e dificultades no recoñecemento do talento feminino na sociedade viguesa.

Figura 4. Evolución da brecha de xénero en emprego total en Vigo. A liña intermitente indica un alto axuste a unha tendencia lineal.

 

Así, son ben coñecidas as diferenzas entre sexos arraigadas que condicionan a selección de estudos e profesións e, por tanto, a participación no mercado laboral. Pero existen outras posibles causas das brechas de xénero no emprego, ou polo menos factores asociados á orixe da brecha.

Probablemente outros factores socioeconómicos ligados ao diferente dinamismo na contratación sectorial explican as tendencias detectadas, que son compatibles cunha contribución positiva da concienciación social e do compromiso do empresariado.

A brecha do emprego expresa a desigualdade nun mercado laboral idiosincrático cunha distribución por sexos do emprego derivada de características sociodemográficas e culturais locais e comarcais na actividade económica. As brechas sectoriais no emprego non teñen por que coincidir necesariamente cunha segregación ocupacional horizontal, senón que poden reflectir unha complexidade e heteroxeneidade intrasectorial local que require unha profundidade interpretativa rigorosa e cun enfoque de xénero.

A brecha de xénero no acceso ao emprego do conxunto de contratos e dalgúns sectores é un indicador da persistencia dunha discriminación indirecta das mulleres máis apreciable que o indicador de desigualdade de xénero que expresa a participación relativa das mulleres no emprego total en Vigo

Figura 5. Relación entre a brecha de xénero no emprego total e da Industria e o número de contratos total e da Industria, respectivamente, en Vigo (período 2010-2021). As liñas intermitentes indican un alto axuste a unha tendencia lineal.

 

O alto volume de contratación de Vigo permite explorar a súa asociación estatística coa brecha no emprego (Figura 5). Existe unha alta correlación positiva significativa entre a brecha e o número de contratos total e da Industria. Significa que a brecha aumenta un punto porcentual por cada 4.500 novos empregos, un ritmo que se duplica na Industria. Esta relación non se observa no sector Servizos.

Tampouco podemos descartar unha influencia recente sobre a brecha dos impactos laborais da pandemia de COVID-19. Por unha banda, conlevou o peche de actividades que non se consideraban esenciais, por outra, implementáronse plans de protección do emprego como os ERTEs. É previsible un efecto variable desta crise na creación de empregos entre sectores e actividades que, en xeral, afectou de forma máis acentuada ás mulleres.

É sabido que a creación de emprego público e privado é multicausal. Depende de que a situación económica sexa favorable e tamén do acerto das políticas e medidas económicas e sociais. En Vigo é moi conveniente promover á vez o emprego e a igualdade efectiva de acceso ao mesmo de mulleres e homes.

As diferenzas entre sectores e actividades económicas na igualdade e brechas de xénero no emprego en Vigo son unha realidade incuestionable. Un bo diagnóstico e unha perspectiva de xénero son importantes, e tamén unha reflexión e comprensión. A desigualdade laboral é unha dimensión de xestión que necesita menos prexuízos e máis compromisos. Tamén fan falta accións estratéxicas, innovadoras e eficaces para mellorar a igualdade laboral a un ritmo máis rápido nos procesos de selección e de contratación.

As empresas forman parte da sociedade, cos seus éxitos e as súas circunstancias. Ademais, están condicionadas pola demanda do mercado de traballo. A selección laboral con completa igualdade ás veces non é unha tarefa fácil. Educar e concienciar á sociedade, e formar ás persoas responsables de selección de traballadores e traballadoras é unha acción frutífera. O PERTE naval en Vigo e os empregos asociados a unha economía verde deberían xerar emprego cualificado e tamén igualitario. A igualdade é unha oportunidade que non pode desaproveitar a Industria naval nin outras empresas viguesas.

Estes resultados subliñan a importancia de coñecer e profundar na realidade local da igualdade laboral, concienciar ás empresas, AAPP e sociedade. Unha diagnose adecuado da igualdade no emprego é fundamental para as políticas públicas. É coherente coa atribución de competencias en materia de promoción da igualdade de oportunidades que ostenta o Concello de Vigo e a oportunidade de cooperar coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra no desenvolvemento das políticas públicas de emprego.

 

Mtr. Cristina Pereira, Responsable de Igualdade da Fundación Matrix

Mtr. Miguel Oujo, Investigador da Fundación Matrix

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix 

Artigo divulgativo do Programa de investigación BRELA-Gal desenvolto en Vigo no marco de subvencións da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, e do Programa INVESTIGO, vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Xunta de Galicia financiado pola Unión Europea – Next Generation EU, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible.

Igualdade no emprego en Vigo: participación das mulleres

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies