07 Dic Cultivo de millo en Galicia: Importancia estratéxica e caracterización pioneira de variedades tradicionais

PROXECTO AGRIECO

               Cultivo de millo en Galicia:                 importancia estratéxica e caracterización pioneira de variedades tradicionais

 

En Galicia cultivábanse máis de 700 variedades tradicionais de millo para gran. O abandono agrario e a agricultura industrial afastáronas da paisaxe e dos usos para alimentación humana. Carécese de coñecemento científico apropiado das calidades desta agrobiodiversidade ameazada de extinción, a pesares de que esta pode ser valiosa para a agricultura ecolóxica e a adaptación ó cambio climático. Os autores demostran a importancia estratéxica do cultivo de millo en Galicia. Mediante unha caracterización fenotípica de 20 variedades tradicionais de millo galego demostrouse unha alta variabilidade na calidade dos seus grans, con tamaños moi contrastados entre algunhas, suxerindo diferenzas na forma de adaptarse ó ambiente local. Estes resultados corresponden ó proxecto AGRIECO realizado pola Fundación Matrix co apoio do MITERD, publicados recentemente nun artigo na revista científica AGROFOR International Journal.

 

As variedades de millo tradicionais orixináronse en innumerables áreas con solos fértiles e un aproveitamento agrícola, situadas en vales abertos e en especial en terreos baixos e planos, cunha climatoloxía húmida e de temperaturas suaves aínda que tamén en zonas de interior cun clima máis frío e continental. A poboación galega descubriu nesa especie de vexetal domesticada orixinaria de América unha valiosa opción alimentaria debido á súa boa produción, facilidade de cultivo e colleita, e en especial ó presentarse como alternativa de cultivo, cun ciclo máis curto, fronte a outros cereais ós que substituíu.

Desta maneira, o millo atopou o seu espazo no conxunto de leiras que configuraban ass agras ou agros, extensións de terras de labranza nun perímetro pechado. O cultivo de millo  transformou  a paisaxe rural galega, mudando a súa identidade cultural. Hoxe, sen dúbida, pódese considerar unha innovación radical no espazo de produción agrícola, sendo ademais, un sistema de produción alimentaria extensiva e respectuosa co medio ambiente.

Desbrave dun cultivo de millo cun apeiro tirado por unha vaca. Abegondo (A Coruña), 1980. Jaume Lloveras

Desde que se introduciu o millo en 1630,  tivo lugar un proceso de mellora xenética asociado a unha agricultura de autoconsumo e subsistencia. O proceso de selección empírica do campesiñado, que se estendeu por uns 300 anos, orixinou numerosas variedades ou poboación locais de millo. O resultado desta selección non foi outro que o aumento progresivo da proporción de xenes coas características desexadas, coma aqueles determinantes dun maior rendemento ou mellor axuste ó ambiente local, entre outras características agronómicas e ecolóxicas.

Este resultou, probablemente, dunha introdución local, simultánea ou sucesiva, de distintas variedades de millo americanas que se aclimataron a unhas condicións ambientais diferentes ás do seu lugar de procedencia, como por  exemplo unha maior amplitude térmica anual grazas, en parte, a un proceso de selección asociado ó seu cultivo anual reiterado. Ademais, este proceso foi acompañado polo troco de mazarocas entre campesiños de localidades veciñas, así coma a importación de variedades de millo xa apreciadas noutras partes de Galicia. Tamén foi propiciado polo cultivo de millo e selección local en numerosas aldeas relativamente afastadas entre si, sen poder descartarse que nalgúns casos existise hibridación entre variedades locais.

O uso na sementeira de grans producidos polos campesiños, das propias sementes orixinadas de xeito local, foi clave. Axudou a desenvolver e manter durante xeracións variedades locais coa súa inherente variabilidade xenética. Estas variedades galegas presupóñense distintas e adaptadas ó seu ambiente local de cultivo (orixe), aínda que a súa caracterización e comparación require estudos xenéticos e fenotípicos.

Grans dunha variedade de millo amarelo nunha placa de Petri.

Froito dese proceso de selección, na primeira metade do século XX aínda se cultivaban nunha superficie extensa de Galicia distintas variedades de millo de gran liso ou dentado, de cores amarelas, brancas, vermellas escuras ou negras entre outras. Ás veces as distintas variedades coexistían nos cultivos de agros da mesma aldea ou aldeas veciñas, sendo este o caso do millo branco da parroquia de Coiro (Cangas) e o millo corvo de Meiro (Bueu), localidades veciñas da península do Morrazo, na provincia de Pontevedra. A coexistencia de variedades locais de millo dentro dunha mesma rexión reflicte a súa adaptación agronómica a diferentes ambientes e usos.

O contido en amidón dos grans dalgunhas variedades locais de millo permitía varios usos alimentarios, entre eles a panificación, mediante a cal naceu o pan de millo. A festa do millo corvo en Meiro (Bueu), evento gastronómico declarado de interese turístico dende o ano 2009, é outra mostra do seu uso. Outra é a romaría do pan de millo, celebrada dende 1986 na parroquia viguesa de Cabral, onde se chegaron a consumir até dúas toneladas deste pan feito con fariña de millo amarelo no 2022. Son tamén moi apreciadas a nivel culinario a empanadas de millo con xoubas ou millo con zamburiñas.

O millo era tamén un recurso habitual na alimentación animal: galiñas e gando de vacún e porcino.

Canastro de madeira en Aira da Moa, un espazo central na aldea de Congostro (Rairiz de Veiga, Ourense).

Os hórreos, piornos, cabaceiros ou canastros, construcións para o secado e conservación do millo colleitado, e os muíños de auga, son testemuñas dun rico patrimonio etnográfico estendido pola práctica totalidade da xeografía galega asociados a este cultivo tradicional.

En Galicia o ciclo de cultivo do millo comezaba coa sementeira dos grans de produción propia na primavera, seguido do seu cultivo sen regadío (cultivo de secaño) ou con rego de reforzo en localidades meridionais, colleita manual de espigas con mazarocas en outono, secado e conservación de mazarocas en hórreos e debullado para usos alimentarios e sementeira, pechándose o ciclo. Nos campos construíanse palleiros, estruturas cónicas de palla de millo seca cuxa finalidade era a súa conservación para o uso como leitos de gando.

 

Variedades galegas e millos híbridos

Unha característica distintiva das variedades de millo tradicionais de Galicia, tamén denominadas locais ou autóctonas, é a súa orixe por polinización libre, é dicir, que a reprodución é de orixe natural sen control da fonte de pole (proxenitor masculino), motivo polo que se poden empregar sementes producidas polo propio agricultor para a seguinte sementeira. A súa diversidade xenética é maior ca nas variedades de millo híbrido modernas, de amplo uso e orixe comercial.

Os tipos ou variedades de millo híbrido tamén son resultado da  mellora xenética profesional convencional, sobresaíndo estas polo seu maior rendemento, efecto coñecido como ‘vigor híbrido’. A súa orixe é por polinización controlada, dirixida a conseguir determinadas características de interese agronómico coma a calidade do gran, ciclo de maduración e rendemento do cultivo. Esta orixe determina, precisamente, que as súas características se manteñan só por unha xeración, feito que impide a súa utilización para a seguinte sementeira, pois non se mantería a calidade e rendemento do propio híbrido. A súa variabilidade xenética é moi baixa en comparación ca propia das variedades tradicionais.

Palleiros feitos con palla de millo en Muxía (A Coruña), 1980. Jaume Lloveras

A procedencia da maioría do millo híbrido, e do seu xermoplasma proxenitor, é o ‘Corn Belt’, unha rexión dos Estados Unidos. A agricultura con millo híbrido é industrial, requirindo esta do uso intensivo de fertilizantes químicos, insecticidas e herbicidas para asegurar a súa alta produción. O risco de mala colleita con variedades híbridas de millo é maior que empregando variedades  locais de polinización libre en condicións ambientais deficientes.

Existen centos de tipos de millo híbrido. Moitas empresas produtoras de sementes pugnan por innovar e vender grans de millo híbrido para sementeira. Este impulso e éxito comercial contribuíu á substitución de variedades tradicionais alí onde aínda se cultivaban. A desaparición das variedades tradicionais tamén é resultado do importante abandono agrario derivado da despoboamento e envellecemento demográfico de amplas zonas do rural galego. Hoxe existen aproximadamente unhas 100.000 hectáreas de terreos abandonados, cubertos de matogueiras, cuxa aptitude para o cultivo de millo é boa ou moi boa.

 

 

Cambios na superficie cultivada de millo

Os millos híbridos hoxe son o tipo predominante en Galicia e a nivel estatal, representando respectivamente en torno ó 95% e 98% da superficie cultivada.

A principios do século XX, a superficie de millo para gran de Galicia, exclusivamente con variedades tradicionais e sen mecanización do cultivo, superaba as 250.000 hectáreas. Dende entón, logo de 116 anos, o declive foi espectacular, perdéndose o 94% da superficie orixinal (Figura 1). Hoxe as variedades híbridas ocupan o 95% da superficie remanente cultivada con millo para gran.

Figura 1. Variación temporal na superficie de millo en Galicia entre dúas datas, unha con uso exclusivo de variedades tradicionais (sen híbridos) e outra recente con uso de híbridos e abandono agrario. Fonte: anuarios de estatística do MAPA.

 

Trala aparición das explotacións de vacún  leiteiro, en Galicia estendeuse o cultivo de millo para forraxe, con variedades híbridas na súa totalidade, compensando en parte –unhas 70.000 hectáreas en 2020–  a perda de superficie de millo para gran; o 91% cultivase nas provincias de A Coruña e Lugo. En Galicia hoxe por cada hectárea de millo para gran hai 4,5 de millo para forraxe: a superficie media de millo para forraxe, principal cultivo de forraxe e practicamente o único no verán nas explotación leiteiras é de 4 hectáreas. Aínda contando con esta superficie de millo para forraxe e ensilaxe para alimentación animal, en pouco máis dun século desapareceu o 66% da superficie agrícola de millo que existía a principios do século XX.

Parcelas cultivadas con millo nun agro de Ourol (Lugo), 1981. Jaume Lloveras

A profusión de variedades de millo híbrido para forraxe é apreciable. Até 2020, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) realizou ensaios en Galicia, para ver o rendemento e calidade do cultivo, cun total de 134 variedades producidas por 26 entidades comerciais.

Galicia é un territorio idóneo para o cultivo do millo. O 40% da superficie total é apta para o cultivo de millo, sendo de aptitude boa ou moi boa a metade de dita superficie. En 1904 Galicia representaba o 57% da superficie total cultivada de gran desta especie en España, e máis da metade da produción total nacional.

En cambio, a situación en 2020 é moi diferente. Galicia só conta con menos do 5% da superficie total nacional cultivada de millo para gran, e só contribúe con menos do 3% da produción de gran total de España.

Grans dunha variedade de millo corvo nunha placa de Petri.

Esta situación revela a importancia  estratéxica do cultivo de millo en Galicia, non só por seguridade alimentaria. Existe un desaproveitamento obxectivo da produción potencial de millo que podería satisfacer parte da demanda rexional. A industria de fabricación de pensos de Galicia, por exemplo, importa preto de 600.000 toneladas de grans de millo ó ano, subliñando isto unha clara ventá de oportunidade para recuperar superficie de deste cultivo. As variedades locais poden ser tan produtivas como as variedades híbridas comerciais.

A produción ecolóxica de millo está aliñada cos obxectivos do Plan Estratéxico para a aplicación da Política Agraria Común do MAPA, en particular de protexer o medio e os recursos naturais, entre estas a agrobiodiversidade. En Galicia pode producirse millo con variedades autóctonas, preservando a biodiversidade natural local e cun menor consumo de auga que en outras zonas de España. Por exemplo, o 85% da superficie total de millo para gran cultivada en secaño en España en 2020 está en Galicia, ó redor de 15.000 hectáreas, subliñando o potencial agronómico deste cultivo na rexión.

 

Hórreo con mazarocas en Ordes (A Coruña), 1979. Jaume Lloveras

 

 

Agrobiodiversidade e recursos fitoxenéticos

Galicia ten a maior diversidade de millo de Europa. Probablemente existe unha enorme reserva de diversidade xenética nas variedades tradicionais de millo galego adaptadas, sen dúbida, ó clima húmido desta rexión. É un tesouro de xenes inexistentes nos tipos de millo híbrido cultivado hoxe de forma predominante. Por exemplo, as variedades locais poden presentar unha superior tolerancia ó estres por déficit de auga ou danos por fungos.

Mazarocas de variedades de millo amarelo e corvo.

As variedades locais de millo poden facilitar usos alternativos: os seus grans poden destacar pola súa calidade alimentaria e conter compoñentes fitoquímicos protectores da saúde ou pigmentos naturais para a industria alimentaria. Ademais, pola súa calidade alimentaria intrínseca, facilitan usos gastronómicos tradicionais cun valor cultural excepcional.

Por estas calidades, as variedades locais de millo considéranse recursos fitoxenéticos valiosos e existen programas para a súa conservación. Poden explotarse en programas de mellora xenética das propias variedades locais ou para obter outras novas variedades de millo, incluso híbridas.

Colleita da variedade tradicional millo corvo na aldea de Meiro (Bueu, Pontevedra) en setembro de 2022.

En xeral, as variedades tradicionais, pola súa variabilidade xenética intrínseca e a calidade heteroxénea das súas sementes orixinadas dende un cultivo normal, son menos produtivas. Precisamente debido a estas características poden cultivarse en diferentes condicións ambientais ou variables no tempo. En cambio, os híbridos presentan unha uniformidade xenética consubstancial e unha calidade uniforme das súas sementes, xa que se obteñen dende cultivos con métodos de produción específicos con polinización controlada, son máis produtivas sempre que existan as condicións ambientais óptimas. A miúdo non toleran condicións adversas ou variables no tempo (a excepción de híbridos seleccionados especificamente pola súa resistencia ás secas).

As variedades tradicionais de millo son recursos para a alimentación humana integrantes dun patrimonio cultural agrario ameazado de extinción. En moitas aldeas galegas, unha parte significativa das parcelas agrícolas estaban cultivadas frecuentemente con millo. Nalgunhas localidades, nos lugares naturalmente máis secos, empregábanse variedades de millo branco cun ciclo de maduración curto onde antes sementabase centeo, ou facíase unha rotación de cultivos de millo con este cereal de inverno. Nos lugares máis húmidos a rotación de millo era cun tubérculo tamén de procedencia americana, a pataca.

Grans dunha variedade de millo branco nunha placa de Petri.

Logo da colleita, o gando accedía ós agros e as súas dexeccións servían de fertilizante para as terras de cultivo. As parcelas onde se cultivaba millo ademais abonábanse con estrume, rico en nitróxeno e procedente dunha mestura de palla de millo ou doutro cereal con materiais arbustivos coma toxos e breixos, empregados tamén como leitos para o gando nas cortes. Noutras zonas máis húmidas ou de regadío, despois de cultivar o millo sementábanse nabos como cobertura protectora do solo e abono verde.

Conservar a agrobiodiversidade é moi importante porque as variedades locais de millo poden presentar características valiosas para a agricultura ecolóxica e a adaptación ó cambio climático, por exemplo, para reducir os impactos do quecemento climático no sector agrario, xa que, as temperaturas máximas aumentan nunha media de 0,25 ºC por década en España. Aproveitar o potencial desta agrobiodiversidade para promover a seguridade e soberanía alimentaria e a produción sustentable de millo en Galicia é un desafío.

 

Calidad do gran e adaptación de variedades tradicionais de millo

No Inventario Nacional de Recursos Fitoxenéticos de España existen 2.459 variedades tradicionais de millo, do cal o 30% ten a súa orixe en Galicia.

A produción de millo con agricultura ecolóxica require de coñecemento, avaliación e aproveitamento das variedades tradicionais de millo. O seu rendemento e comportamento en diferentes ambientes en condicións de produción ecolóxica pode ser similar ou diferente ó sistema de produción convencional.

O proxecto de I+D AGRIECO promove a agricultura ecolóxica e a alimentación saudable empregando variedades locais de millo e variedades de millo súper doce. A produción frutuosa de millo depende da xerminación e o crecemento inicial das plántulas, procesos onde a calidade da semente, e en particular o tamaño do gran, son especialmente relevantes.

A Dirección Xeral de Consumo e a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), vinculadas ó Ministerio de Consumo, e a Dirección Xeral da Industria Alimentaria e a Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios (da cal depende a Oficina Española de Variedades Vexetais) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), apoian o proxecto AGRIECO. Tamén o Centro Nacional de Recursos Fitoxenéticos (CRF), pertencente ó Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentación (INIA-CSIC), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Grans dunha variedade de millo vermello (millo reina) nunha placa de Petri.

Un estudo da Fundación Matrix analiza as diferenzas nos grans de 20 variedades locais de millo de Galicia, procedentes dun banco de sementes (CRF-CSIC-INIA) e de agricultores locais. É pioneiro porque por primeira vez están a caracterizarse e compararse mediante técnicas multivariantes e modelos alométricos un conxunto de variedades tradicionais galegas empregando exclusivamente os atributos físicos dos grans, medidos de forma coidadosa nunha mostra de 2.000, con especial énfase no peso.

Así, por exemplo, un atributo concreto, o peso de mil grans, amosou un rango de variación de 2,4 veces entre as variedades estudadas, con diferencias estatisticamente significativas entre algunhas delas (Figura 2). Unha variedade de millo de cor vermella escura, o millo reina, procedente dunha área de moi baixa altitude da ribeira do Miño, na costa do sur de Pontevedra, amosou un peso superior (497 g), contrastando moito coa variedade BG003257 da localidade setentrional de Ponte-Aranga (A Coruña), situada a maior altitude (203 g).

Figura 2. Diagrama de caixas do peso de mil grans de variedades tradicionais de millo de Galicia. A liña horizontal dentro de cada caixa representa a mediana. Diferentes letras ou grupos de letras indican as diferenzas estatísticamente significativas entre pares de variables.

 

No conxunto de variedade, e dentro de cada variedade de forma individual, ó aumentar o tamaño dos grans, o peso do gran increméntase nunha proporción menor ca o seu volume. Este resultado suxire que a densidade aparente do gran diminúe ó aumentar o seu volume nas variedades estudadas. O desenvolvemento das variedades de millo en diferentes ambientes en Galicia estaría asociado con limitacións ambientais do crecemento e desenvolvemento dos grans.

Grans de diferente tamaño e cor de dúas variedades tradicionais procedentes do interior de Galicia colleitadas en 1993, facilitadas polo CRF-INIA-CSIC co código de identificación do banco de sementes (mesma escala): máis grande e amarelo do sur de Ourense (esquerda), e máis pequeno e branco dunha localidade de Lugo situada a máis de 500 metros de altitude.

 

A investigación desvela unha tendencia de variación principal entre as 20 variedades relacionada con algunhas dimensións do gran e o seu peso, pero non o seu espesor. Segrega, por exemplo, tres variedades autóctonas con grans de maior tamaño, coma millo corvo, reina ou branco, ausentes nas coleccións de sementes do CRF-CSIC-INIA.

 

Esta tendencia coincide cun gradiente xeográfico de continentalidade climática. O tamaño do gran é maior nas variedades locais de procedencias próximas ó mar e con baixa altitude, unhas condicións máis favorables para esta especie, e menor en variedades do interior de Galicia situadas a máis altitude, 200 a 800 metros.

As diferencias no tamaño do gran das variedades tradicionais de millo poden ser de orixe xenética ou ambiental. A tendencia de variación observada interprétase coma un gradiente de diferenzas de adaptación ó ambiente local.

É razoable agardar unha alta correlación entre o tamaño do gran de millo e o rendemento do cultivo en Galicia. Os resultados do proxecto AGRIECO subliñan a relevancia da conservación, a mellora do coñecemento e promoción do uso de variedades tradicionais de millo nesta rexión para satisfacer as necesidades dunha agricultura sustentable e os desafíos do cambio climático.

A investigación e produción de variedades tradicionais de millo son actividades impulsadas pola Fundación Matrix, inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, axente promotor da recuperación produtiva de parcelas agrícolas abandonadas e Infraempregadas en Galicia e membro da Rede Rural Nacional. Fomenta a calidade, seguridade e soberanía alimentaria e promove a alimentación saudable e o benestar social.

 

Dr. Javier Montalvo, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e Director da Fundación Matrix.

Eng. Gabriel Ferreiro, Investigador da Fundación Matrix

Eng. Joaquín Alonso, Investigador da Fundación Matrix

 

Artigo divulgativo do proxecto de investigación AGRIECO, desenvolto no marco das subvencións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Programa INVESTIGO, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Xunta de Galicia financiado pola Union Europea – Next Generation EU, realizado pola Fundación Matrix, Investigación y Desarrollo Sostenible coa colaboración da Universidade de Vigo.

Documento descargable:
SEED SIZE AND ALLOMETRIC RELATIONSHIPS AMONG
LOCAL MAIZE VARIETIES IN GALICIA (NW SPAIN)

 

 

 

 

 

 

Proyecto de I+D AGRIECO: producción ecológica de maíz

A revolta do millo

Maíz dulce: un alimento ideal para personas mayores

Maíz dulce gallego: alimento ecológico, saludable y delicioso

El maíz dulce fresco de la Fundación Matrix gusta mucho, y es muy visible, en TikTok

Insectos, arañas y otros artrópodos de fincas de cultivo ecológico de maíz de Galicia 

Diversidad de entomofauna de cultivos de maíz bajo condiciones ecológicas en Galicia

Sin Comentarios

Publica un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, clicar el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies